Gatifoula de Vilachá, unha festa para apoiar a arqueoloxía

La Voz

A POBRA DO BROLLÓN

CARLOS CORTÉS

O conxunto de adegas históricas da Pobra do Brollón acollerá unha cita sen precedentes en Galicia

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra gatifoula non aparece nos dicionarios galegos. Algúns deles rexistran unha voz semellante, batifoula, que ten o mesmo significado: algo así como barullo ou confusión. A forma gatifoula é típica da parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón, e dará o seu nome a un festexo que se celebrará o sábado no conxunto de adegas históricas de Vilachá. O seu obxectivo é recadar fondos para financiar o proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo. Os organizadores apuntan que esta é a primeira vez que se organiza unha festa con tal finalidade en Galicia.

As actividades comezarán ás 12.00 cunha charla sobre as escavacións do castro de Cereixa a cargo do arqueólogo Xurxo Ayán. Unha hora despois abrirase no campo da festa unha carpa con calefacción e un posto de polbo, onde ao longo da xornada se servirán ademais empanadas e bebidas. No lugar poderá seguirse por radio o encontro entre o Real Madrid e o Barcelona e haberá animación musical.

A partir das catro da tarde haberá tamén unha sesión de contacontos con Avelino González, un concerto de piano e voz a cargo de Alexandro González e regueifas e romances de cego con Luís Caruncho e Bieito Lobariñas. As oito comezará unha «foliada total» na que poderá participar quen o desexe. O Concello da Pobra do Brollón colaborará ofrecendo un servizo de autobús con saídas na capital do municipio ?diante da casa consistorial? ás 11.30 e ás 23.00 horas? e regresos ás 15.00 e ás 23.00 horas. A asociación veciñal María Castaña, que promove o proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo, ten previsto organizar máis adiante outras gatifoulas para recadar máis fondos, xa que se pretende que estas intervencións ?iniciadas o ano pasado? se desenvolvan ao menos durante un lustro.