«Non debemos perder a memoria dos antigos oficios»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

CEDIDA

Rocío Rodríguez expón na Casa de Cultura de Monforte unha colección de imaxes etnográficas

05 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A fotógrafa Rocío Rodríguez López, que firma as súas obras como Peruchela, expón na Casa de Cultura de Monforte una serie de obras baixo o título de «Oficios e ferramentas I». Natural da Pobra do Brollón, leva tempo documentando as tradicións populares do sur lucense, ás que dedicou varias mostras fotográficas. O sábado, ás 18:30 horas, ofrecerá unha visita comentada.

-¿Cal é o contido desta exposición?

-A idea é reunir imaxes de oficios e ferramentas tradicionais que eran comúns ata non hai moitos anos e que agora están desaparecidos ou a punto de desaparecer. Nestas fotografías reflíctense labores tradicionais como o fiado do liño e oficios como o de ferreiro, zoqueiro, zapateiro, barbeiro, serranchín... Teño moitas fotografías de diferentes oficios e decidín dividir a exposición en dúas partes, porque hai demasiado material para metelo todo nunha soa. A segunda parte mostrarase mais adiante.

-¿Onde foron feitas as fotos?

-En diferentes lugares de Galicia, pero unha parte importante son do sur de Lugo. Algúns deses obxectos forman parte das coleccións etnográficas de Xan de Vilar e Urbano Arza, no municipio do Courel. Tamén hai pezas do museo Casa do Patrón, en Lalín, que ten unha colección impresionante. Algúns deses obxectos son da miña colección.

-¿Por que lle parece importante divulgar este patrimonio?

-Porque son cousas que formaron parte da nosa vida diaria durante moito tempo e creo que non deberíamos esquecer como vivían os nosos avós, nin de onde procedemos. Non debemos perder a memoria dos antigos oficios porque é algo que forma parte da nosa historia e da nosa cultura, e penso que nos colexios deberíase prestar máis atención a este legado. Non teño formación en etnografía ou antropoloxía, son autodidacta neste aspecto, pero isto é algo que me interesou desde sempre. O meu avó era anticuario e desde a infancia chamáronme a atención os obxectos antigos. Teño unha páxina web na que divulgo os materiais que vou recopilando aquí e alí.

-¿Hai algún destes antigos oficios que lle chame particularmente a atención?

-Si, o dos cereiros, porque apenas sabía nada deles e aprendín moitas cousas cando investigaba para preparar a exposición. Contactei cun señor que é fillo dun cereiro de Noceda, no Incio. Este home tiña dous primos na Pobra do Brollón e en Sarria que tamén traballaron no mesmo oficio. Grazas a iso coñecín un costume xa esquecido que consistía en fabricar o que se chamaban os fachóns. Eran unhas velas moi grandes que se facían por encargo cando falecía alguén e tiñan a mesma altura que o defunto. Esas velas acendíanse na igrexa cando se celebraban os funerais e deixábanse arder ata que se consumían por completo. Parece ser que o cereiro de Noceda fabricou eses fachóns ata principios dos anos sesenta.