Moito máis que unha capela en ruínas

O conxunto histórico do castro de Cereixa gaña en interese a medida que avanza a prospección arqueolóxica que está en marcha este verán


monforte / la voz

As escavacións que se levan a cabo no castro de San Lourenzo de Cereixa -na Pobra do Brollón- están poñendo ao descuberto unha singular parcela do pasado da parroquia que cobra cada vez máis interese á medida que avanzan os traballos. O equipo arqueolóxico dirixido por Xurxo Ayán xa puxo totalmente ao descuberto dos restos dos muros da antiga capela que existiu no interior do recinto castrexo, o que permite reconstruír con fidelidade a súa planta. A estrutura construtiva e as pezas que foron descubertas no seu interior indican a presenza dunha edificación relixiosa cunha historia moito máis complexa que a dunha simple capela rural.

Por unha parte, os arqueólogos descubriron sete antigas moedas que serán estudadas no laboratorio para determinar as súas orixes. Polo momento, unha delas xa foi datada en 1605, unha época que coincide aproximadamente cun dos documentos históricos máis antigos que se encontraron sobre esta construción. É un escrito de 1596 conservado no arquivo diocesano que fai referencia á elaboración dunha imaxe do santo tutelar da capela. Nas escavacións apareceron tamén diversos fragmentos de cerámica de tipo medieval que suxiren que o templo puido ser construído en torno aos séculos XI e XII.

Obras de ampliación

Por outro lado, segundo explica Xurxo Ayán, na planta do edificio aprécianse dous corpos diferentes de construción que corresponden seguramente a diferentes épocas. «Hai unha primeira capela de forma rectangular, cunha estrutura sinxela a moi típica das pequenas capelas rurais da zona, e despois hai unha reforma moi grande que amplía considerablemente o edificio e na que se reforzan os muros», di o arqueólogo. O conxunto, así mesmo, encóntrase moi perto do antigo muro do castro, que nese tramo foi reconstruído en tempos moi posteriores. O espazo que queda entre ambos é suficiente para que discorresen as procesións que deberon celebrarse no lugar, dando a volta ao templo.

Os investigadores están cada vez máis convencidos de encontrarse fronte aos restos da antiga igrexa da parroquia de Cereixa, cuxa ubicación non consta nos documentos históricos nin na tradición oral. Só se sabe que deixou de servir como tal en 1802, cando foi construída unha nova igrexa que é a que segue cumprindo esa función na actualidade. O bispo de Lugo, de acordo coa documentación da época, mandou edificar un novo templo porque o vello estaba demasiado apartado dos núcleos habitados. Un detalle que corresponde coa ubicación do castro.

En calquera caso, a capela de San Lourenzo seguiu sendo utilizada para o culto religioso ata finais do século XIX ou principios do XX. Nesa época -indica Xurxo Ayán- o edificio foi desmantelado polos veciños nun lapso duns quince anos, por motivos que aínda están sen esclarecer. Os materiais máis nobres da construción -como as pedras de cantería da fachada- foron reaproveitados en diversas vivendas da localidade. Só quedaron os muros de cachotería feitos de seixos de cuarcita, un material humilde pero moi abundante e moi empregado na zona.

Os investigadores acharon varias moedas antigas, unha delas datada no ano 1605

Por debaixo do templo pode haber restos da época romana

Os responsables do proxecto arqueolóxico en marcha no castro de San Lourenzo -impulsado pola asociación veciñal da parroquia de Cereixa- pretenden reconstruír a capela da forma máis íntegra posible. Xurxo Ayán sinala que xa se coñecen datos suficientes acerca da estrutura do edificio e dos materiais que se usaron na súa construción como para acometer con garantías un proxecto deste tipo. Pero antes de intentalo aínda hai moito que investigar neste lugar, situado a uns poucos centos de metros do barrio de Alende.

Para o próximo ano está previsto escavar o subsolo da capela, onde é moi probable que aparezan restos de construcións da época romana. Os arqueólogos supoñen que este asentamento estivo dedicado á fabricación de ferramentas que se utilizarían na antiga mina de ouro dos Medos, situada nos arredores da capitalidade municipal da Pobra do Brollón.

«Hai que trazar un proxecto e negociar con Patrimonio para ver o que se pode facer -apunta Xurxo Ayán-, pero se aparecen estruturas romanas por baixo da capela cabe a posibilidade de cubrir o chan do edificio reconstruído cunha placa transparente de metacrilato para que se poidan ver eses restos».

Mestura interesante

Os achados que se están realizando nos restos da capela e no seu entorno inmediato -engade o investigador que está á fronte do proxecto- aumentan a complexidade e o valor deste peculiar conxunto arqueolóxico. «O que hai é unha mestura moi interesante de elementos moi diversos que abranxen desde a Antigüidade á época contemporánea, pasando polas idades Media e Moderna», resume.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Moito máis que unha capela en ruínas