A ferrería eólica de Pena da Castra, un monumento único e esquecido

A POBRA DO BROLLÓN

Uns visitantes reabriron hai pouco o sendeiro que leva á singular paraxe

17 oct 2015 . Actualizado a las 17:01 h.

Cerca do límite entre os municipios da Pobra do Brollón e Samos encóntrase un dos vestixios más singulares da siderurxia tradicional galega, un monumento que segue sendo coñecido por moi poucas persoas. Trátase da antiga ferrería eólica de Pena da Castra -a única do seu tipo rexistrada ata agora en Galicia-, situada a pouca distancia do chamado Camiño da Vena, unha ruta que enlazaba as minas de ferro da Veneira de Roques, na Pobra do Brollón, coa ferrería de Baldomir, no Courel. O lugar non está sinalizado e é difícil de localizar, debido a que a maleza mantén habitualmente pechado o sendeiro que o une co mencionado camiño.

En tempos recentes, uns visitantes anónimos rozaron de forma sumaria esta senda, de só unha vintena de metros, polo que agora é menos difícil chegar ao lugar. Uns veciños da Veneira de Roques limparan o camiño hai catorce anos, pero desde entón non se volveu realizar ningunha intervención deste tipo na zona. A pesar da falta de sinalización, das deficientes condicións de acceso e da falta de promoción turística, os veciños da Veneira de Roques din que de vez en cando pasan pola aldea algúns visitantes interesados en coñecer a ferrería. A paraxe está situada a unha altura de 1.200 metros, a uns tres quilómetros e medio da referida localidade.

A ferrería consiste simplemente nun penedo atravesado dun extremo a outro por un túnel natural. Dentro desta oquedade hai unha grande cantidade de cinza e escorias de ferro que indican que o lugar foi utilizado en tempos para calcinar o mineral. O vento que sopra con forza a través da cavidade servía para avivar o lume.

Pegadas do calor

Nas paredes de rocha son moi evidentes as pegadas que deixou o forte calor producido no interior deste forno rupestre. A boca inferior do túnel, considerablemente máis estreita que a entrada oposta, ábrese sobre un barranco de uns trinta metros de altura.

Un lugar aillado que serviu de refuxio aos pastores de cabras

A existencia da ferrería de Pena da Castra foi case totalmente descoñecida durante moito tempo. A principios da pasada década foi localizada por Carlos Rueda ?colaborador deste xornal? coa axuda de Rodrigo Rivera, un veciño da Veneira de Roques falecido hai varios anos. Rivera, que xa tiña unha idade moi avanzada nesa época, coñecía o lugar por ter utilizado moitas veces este penedo para gorecerse cando pastoreaba cabras pola zona. 

Aínda que o lugar pertence ao municipio de Samos, a maneira máis fácil de acceder a el é desde a Veneira de Roques, unha poboación que conta cunha importante tradición mineira. A ferrería encóntrase nunha paraxe deshabitada e aillada, situada nun punto máis ou menos equidistante da referida localidade e das aldeas da Casela -tamén en territorio Samos- e O Busto, pertenecente ao veciño municipio da Pobra do Brollón.

Un método que xa estaba obsoleto no século XV

A falta total de documentación histórica impide saber con certeza en que época deixou de ser utilizada a ferrería eólica de Pena da Castra para calcinar mineral de ferro. O etnógrafo e historiador Clodio González Pérez, autor do libro A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo, sinala que este método de cocción do mineral coa axuda do vento é moi arcaico e foi utilizado sobre todo na Antigüidade e na Idade Media. A partir do século XIII, coa xeneralización das ferrerías hidráulicas, foi caendo en desuso. No século XV xa desaparecera en case toda Europa. 

O estudioso apunta sen embargo que é posible que o forno de Pena da Castra fose utilizado ata épocas relativamente recentes. O Camiño da Vena que pasa polas cercanías foi utilizado durante moito tempo para levar o ferro extraído das minas da Veneira a varias ferrerías hidráulicas que funcionaron na zona ata finais do século XIX. Cabe a posibilidade de que este forno rústico servise para cocer previamente o mineral antes de levalo ás ferrerías, de maneira que o proceso resultase menos custoso. 

En todo caso, González sinala que o lugar presenta un indiscutible valor histórico e etnográfico. A súa existencia -revelada inicialmente en varias informacións publicadas neste diario no 2001- foi mencionada nunhas xornadas sobre a minería histórica de Galicia que se celebraron en Santiago no 2006 por iniciativa da Consellería de Industria e do Instituto Geológico y Minero de España. Sen embargo, desde entón ata hoxe tivo unha difusión moi limitada.