Adrián Méndez, adestrador da SD Chantada: «Chegamos ben preparados física e mentalmente ao inicio da liga»

LEMOS

O técnico deixa claro que o obxectivo prioritario será a permanencia

01 sep 2026 . Actualizado a las 18:54 h.

Adrián Méndez «Traste» dirixirá este domingo (18.30 horas) no Sangoñedo o seu primeiro partido como adestrador na Preferente, unha categoría á que voltou a SD Chantada nove anos despois. O técnico é optimista e asegura que o seu equipo será competitivo nesta categoría. Iso si, admite que pasarán momentos complicados, aos que terán que adaptarse.

—Como está sendo esa transición mental do vestiario de pasar da euforia do ascenso á esixencia da Preferente?

—Afrontamos esa transición con ilusión. E precisamente isto ten que ser unha ferramenta importante para competir coas máximas garantías nesta Preferente. Había ganas de voltar a unha categoría que abandonamos hai 9 anos. A mentalidade dos meus futbolistas é a idónea para lograr o obxectivo. Temos que saber que sufriremos, pero é algo que está aí e ao que debemos adaptarnos. O cambio de competir polo ascenso a facelo pola permanencia temos que tomalo como algo natural.

—Renovaron máis de 15 futbolistas. Que importancia ten manter esa base e identidade nunha categoría superior?

—Para min é fundamental. A categoría é esixente, traballamos para acertar coas incorporacións para que sumen. Pero apostar por un proxecto con futbolistas que teñen sentimento de pertenza é un plus e fai que teñan un rendemento moi alto.

—A tempada pasada os números da SD Chantada foron espectaculares. Verase un equipo protagonista ou apostarán por un fútbol máis pragmático?

—A idea inicial é intentar ser protagonistas nos partidos, pero non imos pecar de inxenuos, porque sabemos que en certos momentos dos partidos, sobre todo cando toque sufrir teremos que ser máis pragmáticos e máis pasivos. Pero polo prototipo de futbolistas que temos seremos valentes. Aínda que como digo haberá momentos nos que tocará adaptarse a outras situacións.

—Que balance fai da pretempada?

—O balance é bo. Traballamos moito situacións nas que non nos vimos en Primeira Futgal. Sabemos do nivel de esixencia da Preferente, o que nos levou a centrarnos moito en cuestións defensivas. Chegamos ben preparados física e mentalmente a esta Preferente.

—Dá por pechado o mercado?

—Non. A SD Chantada sempre está atenta ao mercado. Iso si, dentro das nosas posibilidades. Pero se atopamos algún futbolista que encaixe deportiva e economicamente e nos dea un plus iremos por el.

—O domingo debutan contra o Sigüeiro. Como chega a SD Chantada a esta primeira xornada do campionato?

—Xogamos contra un equipo cun gran potencial. O ano pasado loitaron pola permanencia, pero nesta ocasión son candidatos a estar arriba na clasificación. Teñen a Cristian Liñares, que foi pichichi da Preferente hai dúas tempadas. Temos que ser nós mesmos respectando ao Sigüeiro e saber adaptarnos e sufrir cando toque.

—Arrancan no Sangoñedo. Presión ou calor da bancada?

—Tomámolo como algo positivo, porque se ben é verdade que foi na Primeira Futgal, os números da SD Chantada foron espectaculares e incontestables. Moi poucos partidos perdemos no Sangoñedo nestes anos. Este escenario é unha fortaleza para nós. Está ben comezar na casa.

—É o obxectivo a permanencia ou a afección pode pensar en algo máis?

—Como xa comentei en numerosas ocasións, o noso principal obxectivo é a permanencia na Preferente. O importante é non poñerse nerviosos nos momentos máis difíciles. O que si garantizo é unha SD Chantada moi competitiva durante todo o campionato.

—Que supón para vostede liderar o proxecto na Preferente e espera aprender?

—Para min é importante estar neste proxecto, e máis cando estiven como xogador no descenso á Primeira Futgal. Espero que gocemos todos. E ao remate da tempada espero ser mellor adestrador a nivel táctico. Estar la Preferente será unha boa aprendizaxe para min.

Traste, o estratega da SD Chantada na nova era do grupo primeiro da Preferente

Cunha traxectoria vital e deportiva ligada de xeito umbilical ao club do Sangoñedo, onde suma máis de dúas décadas de fidelidade absoluta, Traste personifica a filosofía dun proxecto baseado na identidade local e o traballo de canteira.

Aos seus 32 anos, encarna á perfección o perfil de técnico novo pero amplamente experimentado na xestión de grupos e estratexia deportiva, sendo o auténtico «capitán do barco» do primeiro equipo.

A andaina de Traste na SD Chantada non se limita ao banco do primeiro equipo. Antes de asumir este reto, o preparador chantadino pasou por practicamente todos os estamentos da entidade, o que lle outorga un coñecemento profundo e privilexiado da estrutura do club.

Dirixiu con éxito os equipos de base. No ano 2020 asumiu o cargo de coordinador deportivo da SD Chantada, pasando posteriormente a exercer como director deportivo. Desde os despachos deseñou as liñas mestras do futuro da entidade. Adestrou ao Chantada B.

O seu gran momento como adestrador principal chegou no verán de 2022, cando a directiva presidida por Jorge Nodar apostou firmemente por el para liderar o primeiro equipo na Primeira Futgal. Levou ao equipo a disputar a Supercopa de Galicia e ao ascenso á Preferente.

O selo de Traste caracterízase por un fútbol de ritmo forte, intensidade e un altísimo compromiso colectivo. O técnico defende como clave do éxito o feito de contar cunha plantilla integrada maioritariamente por xogadores da vila, o que xera unha comuñón total coa afección.