Christian Costoya, adestrador do Lugo Sala: «Quero que se vexa un equipo con orde, verticalidade e voluntarioso»
LEMOS
O adestrador do Lugo Sala debulla as claves do seu proxecto na Segunda B
29 ago 2026 . Actualizado a las 16:40 h.Christian Costoya Iglesias asumiu o reto de dirixir ao Lugo Sala na Segunda División B. O adestrador lucense asegura que encara a tempada con ilusión e con ambición. O técnico xa traballa cos seus deportistas, aos que ve moi comprometidos e con ganas. Costoya, que fará unha aposta decidida polos xogadores da casa, recoñece que o obxectivo do equipo é acabar a liga na fase de ascenso.
—Tras 11 tempadas na base do Lugo Sala, que significa para vostede ser o adestrador do primeiro equipo?
—A nivel persoal coido que é unha gran responsabilidade, porque represento a todos os adestradores da base de Lugo Sala. Adestrar ao meu equipo e no meu club é unha ilusión e un orgullo. E no ámbito profesional teño que dicir que é un reto apaixonante. Toca poñer os cinco sentidos e traballar semana a semana da mellor maneira posible para acadar os obxectivos.
—Vostede é un home da casa. Sinte que ese profundo coñecemento da filosofía do club lle dá unha vantaxe á hora de xestionar o vestiario?
—Tendo en conta o plantel que hai este ano, entendo que si, porque efectivamente coñezo a maneira de traballar do Lugo Sala. Temos moitos xogadores da casa e os que viñeron comungan coa nosa idea. Todos saben o que vou propor, a maneira na que vou traballar e sei o que lle podo pedir a cada deportista.
—Vén de lograr a permanencia co equipo xuvenil. Que dinámicas e aprendizaxes desa etapa formativa pretende trasladar á esixencia do fútbol sala profesional?
—Aprendín moitas cousas. O obxectivo non era loitar pola permanencia, polo que tivemos que adaptarnos ao contexto. Houbo lesións e xogadores que subiron ao primeiro equipo. E soubemos convivir con iso. O meu cometido non é buscar escusas e si solucións.
—O club moveuse rápido no mercado. Renovaron a Mitxel de Sousa e incorporaron a Javi Fernández. Está pechada a plantilla?
—Unha pregunta difícil. A idea é incorporar un xogador máis, pero vendo o mercado que hai e as condicións nas que nos podemos mover non será doado. Estamos buscando, esa é a intención, pero non é doado. Se non pode chegar sacarémolo da casa.
—Que achegarán as novas incorporacións ao Lugo Sala?
—Achegarán un plus importante. Koke é un gran porteiro, moi bo baixo os paus e con xogo de pés. É un recurso máis. Ten moita proxección. Javi Fernández é talento puro. Perfil ofensivo, zurdo e con moito desequilibrio nos derradeiros metros. Sanfiz é un pívot que se converterá nunha das referencias do equipo.
—Rapaces novos como Yerai Espiñeira, Bruno Silvén e Yago Tenreiro chegan pisando forte. Que papel terán os canteiráns na súa rotación esta tempada?
—Aínda que estamos falando de rapaces novos, pero que xa son veteráns pola súa presenza no plantel. Por suposto que terán protagonismo. É máis, terán que asumir o papel de liderazgo tanto na pista como no vestiario.
—Como será o Lugo Sala de Christian Costoya?
—Priorizo sempre o bloque. Quero un Lugo Sala que conecte coa xente, que enganche á afección, máis alá dos resultados. Pretendo que se vexa un equipo voluntarioso, coa intención de atacar e recuperar a pelota o máis rápido tras perda. Nunha palabra, un conxunto con orde e verticalidade.
—Vén de compartir experiencias con adestradores da selección galega absoluta. Serviulle para importar matices técnicos?
—Si. A formación dos adestradores pasa por compartir coñecementos con adestradores, roubar ideas. Pasamos 24 horas intensas, que considero que foron moi enriquecedoras.
«É un bo ano para apoiar. Teremos un equipo 100% galego»
—Chegará o equipo ao 100% á primeira xornada de competición?
—Aínda quedan tres semanas para o comezo do campionato. Entendo que si, porque vexo que a resposta e a predisposición ao traballo dos xogadores é moi boa. Imos progresando ben.
—A Segunda División B é unha competición dura e competitiva. Cal é o obxectivo real do Lugo Sala esta tempada?
—Queremos ser ambiciosos. O noso obxectivo é pelexar polos postos altos da táboa clasificatoria. Queremos acabar a competición ligueira na fase de ascenso.
—O Lugo Sala acaba de lanza a campaña de socios baixo o lema «Medrando dende casa». Que mensaxe lle traslada á afección que acudirá cada fin de semana ao pavillón municipal para presenciar os partidos e por que teñen que engancharse ao proxecto?
—Eu diría que este é un bo ano para engancharse ao proxecto, sobre todo polo que estamos construíndo. Estamos falando que teremos un equipo da casa, 100% galego. Vai ser unha tempada moi bonita e por iso pido o apoio e o respaldo da afección. Estou convencido que van gozar co xogo do equipo.
—Vostede compaxina a súa faceta de profesor de Educación Física coa de adestrador. Xestiónase igual unha clase de alumnos que un vestiario de Segunda B?
—Hai cousas que son extrapolables, pero non podemos esquecer que son idades diferentes, e a xestión de cada alumno e deportista tamén.