Será o 5 de setembro e ademais da exhibición do traballo de encaixe haberá dez postos de venda de produtos especializados nesta técnica
28 ago 2026 . Actualizado a las 19:54 h.Monforte prepárase para acoller o vindeiro sábado 5 de setembro a cuarta edición do seu Encontro de Palilleiras, unha xuntanza que reunirá na capital da Ribeira Sacra a arredor de 350 persoas integradas nunha trintena de asociacións. Trátase dunha cifra aínda provisional, porque o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 1 de setembro e outras algunhas asociacións xa manifestaron a súa intención de sumarse ao evento.
O encontro, que ten como obxectivo servir de escaparateá tradición e á arte do encaixe de palillos, terá lugar na explanada da Compañía entre as dez e media da mañá e as sete do serán. A organización corre a cargo do Concello de Monforte, que conta coa colaboración da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra.
A xornada contará ademais con 10 postos de venda especializados en materiais para palillar e encaixes procedentes de diferentes localidades galegas, así como de Madrid, o que permitirá ás participantes e ao público interesado coñecer e adquirir produtos relacionados con esta actividade. Como parte do recoñecemento ao labor das persoas que manteñen viva esta tradición, o Concello entregará un agasallo ás representantes de cada unha das asociacións participantes.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou a importancia desta iniciativa impulsada polo seu Equipo de Goberno para dar visibilidade ao traballo das palilleiras. «Desde o Concello de Monforte queremos seguir apoiando e poñendo en valor o traballo das palilleiras, que con paciencia e dedicación manteñen viva esta tradición artesanal. Ademais, este encontro permite que Monforte sexa un punto de encontro para centos de persoas que comparten a súa paixón polos encaixes e polos palillos», sinalou o rexedor.
O cuarto Encontro de Palilleiras de Monforte consolídase así como unha cita de referencia no sur de Lugo e no territorio da Ribeira Sacra para as persoas afeccionadas a esta actividade, favorecendo o intercambio de experiencias e coñecementos entre asociacións.
PROGRAMACIÓN
Sábado,5 de setembro
- 10:30 h. Recepción ás palilleiras
- Entre as 11:00 e as 14:00 horas. Palillada
- 12:00 horas. Inauguración da xuntanza de palilleiras
- 14:00 horas. Xantar
- 16:00 horas. Palillada
- 17:00 h. Sorteo de agasallos
- 19:00 horas. Despedida