O Festival dos Eidos regresa á terra natal de Uxío Novoneyra

LEMOS

O biólogo e ornitólogo Xavier Vázquez Pumariño (á dereita, con lentes) guiando un percorrido polo entorno de Parada nunha edición anterior do Festival dos Eidos
O biólogo e ornitólogo Xavier Vázquez Pumariño (á dereita, con lentes) guiando un percorrido polo entorno de Parada nunha edición anterior do Festival dos Eidos FUNDACIÓN UXÍO NOVONEYRA

A localidade de Parada do Courel acollerá dúas xornadas de actividades en torno á poesía, á música e a biodiversidade

17 ago 2026 . Actualizado a las 17:43 h.

Entre os próximos días 29 e 30, na casa museo do poeta Uxío Novoneyra en Parada do Courel celebrarase a undécima edición do Festival dos Eidos, que comprenderá diversas actividades en torno á poesía, á música e a interpretación da biodiversidade. Todas as citas serán gratuítas ata completar o aforo.

Estas son as actividades previstas para as dúas xornadas do festival, que organiza a Fundación Uxío Novoneyra co apoio da Xunta, a Deputación lucense, o Concello de Folgoso do Courel, a Ministerio de Cultura e varias empresas privadas:

DÍA 29

9.30 e 10.30 horas. Como é habitual, a primeira actividade do programa consistirá nunha ruta polo entorno da aldea de Parada guiada polo biólogo e ornitólogo lucense Xavier Vázquez Pumariño, quen ensinará aos participantes a recoñecer as diferentes aves presentes neste territorio que son mencionadas nos poemas de Uxío Novoneyra. Haberá dous percorridos.

12.00 horas. Os escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer ofrecerán unha lectura comentada de Os eidos, o libro máis coñecido e emblemático do poeta do Courel.

13.00 horas. A cantante e compositora Su Garrido Pombo e a escritora Olga Nova darán un recital conxunto que combinará a poesía e a música.

17.00 horas. O escritor e editor monfortino Antón Lopo e o poeta Alberto Lema manterán un coloquio acerca de Río Grande, libro deste último autor. A obra foi publicada este ano pola editorial Chan da Pólvora, dirixida por Lopo, que deu por terminada a súa actividade o pasado xuño.

18.30 horas. A seguinte actividade será un recital de poesía a cargo de Olalla Cociña, Xerardo Quintiá, Julieta Valero e Karlotti.

20.30 horas. O programa continuará cun concerto do grupo musical coruñés Moura, que combina diferentes estilos de rock e música de raíz tradicional.

22.30 horas. A xornada pecharase cunha sesión de picadiscos.

DÍA 30

11.00 e 12.30 horas. A última actividade do programa será unha «ruta pola memoria democrática de Parada» guiada por Inácio Vilariño, narrador oral, dramaturgo e guionista de banda deseñada.