A postpolítica defínese pola perda dos debates ideolóxicos profundos, substituídos pola xestión técnica de expertos, a mercadotecnia e o espectáculo nas redes sociais. Neste escenario, o vello conflito entre visións ideolóxicas globais cámbiase pola colaboración entre tecnócratas ilustrados e liberais multiculturalistas que acordan mediante a negociación de intereses, sen importar a ideoloxía que dicían encarnar. Esta é a maneira de resolver as novas problemáticas. A fórmula que mellor expresa isto quizais sexa a que utilizou Tony Blair para definir o New Labour como centro radical, cando ata ese momento o centro era «por definición» moderado, pois radical era un adxectivo reservado ao extremo da dereita ou da esquerda, mais o concepto de radical centre é tan absurdo como o de «radical moderación». A postdemocracia precede á postpolítica e amósanos un escenario sen ideoloxías no que os partidos son intercambiables entre si, porque os antagonismos diluíronse na falta de ideas que inspiran a acción política.
Se aplicamos isto á Ribeira Sacra, vemos como a pasada semana comezaba coa devolución ou referral da candidatura da «Paisaxe da Auga», celebrada coma un éxito polos partidos que gobernan na Xunta e no Estado nun delirio argumental no que culpan os técnicos do Icomos por non veren o valor excepcional, e non saberen «interpretar unha paisaxe cultural», segundo declara o conselleiro de Cultura e avala o embaixador ante a Unesco, que defende que a decisión sexa «só política».
No canto de recoñeceren as eivas da proposta realizada por consultoras da Coruña e Madrid, pagada polo Goberno da Xunta, e facérense cargo do erro político que supón non xestionar o territorio, desacreditan sen pudor o traballo dos técnicos de Icomos, cunha lectura falaz do referral do expediente.
Ocultan un fracaso que imos vivindo a chorros, como os que desde o venres hai na capital do partido xudicial de Monforte, o punto máis baixo e coas maiores temperatura do val, nun contexto de quecemento global. Parece unha broma macabra que o deputado provincial por Lemos empregue uns 491.000 litros de auga para encher unha fonte e teña varias parroquias sen o servizo de augas da traída, priorizando o uso recreativo sobre a consideración de auga como ben de primeira necesidade. O mesmo actor político que o luns 27 de xullo abría a xuntanza dos alcaldes co conselleiro de Cultura para secundar unha candidatura mal enfocada e que non deu coa clave do valor excepcional.
Faltou ambición política na formulación e rigor técnico na redacción, alén da sensibilidade para coas comunidades locais que ollan con medo unha figura que só perciben como limitadora, e que afecta a menos de 2.000 persoas que aínda habitan as ribeiras e son BIC na categoría de paisaxe cultural.
Como os alcaldes da comarca secundan a Candidatura Paisaxe da Auga e nola negan á veciñanza ou a dan con continuos cortes? Como se invisten nunha fonte máis de 600.000 euros para uso recreativo e non se invisten nas traídas das parroquias monfortinas que faltan? Os técnicos viron a falta de poboación, de usos, e a nula xestión dun territorio inzado de aldeas onde vivir é máis complicado porque a falta de servizos resulta disuasoria e imposibilitadora da cotiandade, e isto si ten solución, e é política: poñer as traídas de augas.