Antom Garcia, escritor e profesor: «En Lisboa poden verse hoxe moitas pegadas dos emigrantes galegos»
LEMOS
Natural de Chantada, acaba de publicar un libro sobre a presenza histórica de Galicia na capital portuguesa
06 ago 2026 . Actualizado a las 12:47 h.Licenciado en Filoloxía Galega e Portuguesa, Antom Garcia Rodrigues ( Chantada, 1987) é autor do libro Espaços afetivos da Galiza na Lisboa atual, un ensaio sobre as pegadas que deixou a emigración galega na capital portuguesa publicado recentemente pola editorial Laiovento. García, que traballa como profesor de ensino medio en Ourense, xa presentou a obra —escrita en portugués— en Chantada e Taboada, onde reside na actualidade. Máis adiante ten previsto presentala tamén noutros lugares, como Monforte, A Pobra do Brollón e o Centro Galego de Lisboa, pero iso será a partir de setembro.
—Por que decidiu investigar a emigración galega en Portugal?
—Vivín durante dous anos en Lisboa e traballei na Universidade Nova. Outro profesor comentoume a importancia que tivo alí a presenza dos galegos e animeime a investigala e divulgala. Tense falado moito da emigración galega ás Américas e hai moitos estudos e publicacións, pero a que se dirixiu a Portugal é menos coñecida.
—Que período histórico abarca o seu estudo?
—A emigración galega en Lisboa comezou hai arredor de cincocentos anos, pero o meu libro céntrase sobre todo nos últimos tres séculos. Non é un estudo histórico sobre esta emigración e, por exemplo, non ofrece datos estatísticos sobre cantos galegos emigraron á capital portuguesa, o que por outro lado é algo moi difícil de saber. O libro dedícase sobre todo ás pegadas dos galegos que se poden ver hoxe en Lisboa, que son moitas, e fala tamén sobre aspectos como os oficios que tiveron moitos deles.
—Que fontes utilizou para o seu traballo?
—Por un lado consultei moita bibliografía, moitas publicacións, e por outro lado fixen traballo de campo, visitando lugares e falando coa xente.
—Que lugares de Lisboa evocan a presenza galega?
—Son moitos e como exemplos pódense mencionar unha rúa dedicada a Rosalía de Castro e outra que homenaxea a João da Nova, un explorador e navegante ao servizo de Portugal que viviu entre os séculos XV e XVI. Era oriúndo de Maceda, en Ourense, e foi alcalde de Lisboa ademais de ser un navegante de gran importancia na historia portuguesa. Tamén hai un lugar chamado Ilha dos Galegos, que non é propiamente unha illa senón un recanto do barrio do Chiado. Hai máis pegadas na toponimia local, como un recanto chamado Pátio da Galega ou a freguesía de Aldeia Galega, no distrito de Lisboa.
—Cales foron os oficios máis habituais dos galegos nos tempos en que a súa presenza era máis numerosa na cidade?
—Collían os oficios máis duros e socialmente pouco valorados, como carboeiros e pedreiros ou albaneis. Tamén tiveron moita importancia os aguadeiros, que abastecían de auga aos habitantes de Lisboa. Ese foi un oficio moi típico dos emigrantes galegos durante moito tempo. No libro ocúpome tamén destes traballadores, que foron moi numerosos na historia de Lisboa.
—Sendo filólogo de formación, a súa obra fala tamén da presenza dos galegos de Lisboa na literatura portuguesa?
—Falo un pouco da literatura e menciono feitos como o de que os famosos escritores José Maria Eça de Queirós e Fernando Pessoa tiñan orixes galegas. Hai outros autores importantes que falaron dos galegos de Lisboa e Portugal, como Camilo Castelo Branco ou Alexandre Herculano.
—O feito de estar escrito en portugués pode dificultar a difusión deste libro en Galicia?
—Espero que non, porque está escrito nun portugués moi sinxelo e fácil de comprender para os lectores galegos. Ademais, é un libro curto con moitas ilustracións, o que facilita a súa lectura.
—A obra pode servir como unha guía para visitar Lisboa?
—Si, espero que sirva de guía para xente interesada en coñecer os lugares relacionados coa presenza galega. Como é un libro breve e fácil de ler, creo que pode cumprir esa función.
—Publicou antes outros estudos sobre estas cuestións?
—Antes participei nunha obra colectiva, titulada Galiza e(m) nós, que foi publicada en colaboración polas universidades de Lisboa, Braga e Algarve. Publicouse no 2022 e trata sobre as relacións históricas e culturais entre Galicia e Portugal.
—Pensa seguir investigando neste terreo?
—Se este libro ten unha boa acollida, seguramente irase ampliando en novas edicións. Esta obra é só unha introdución e neste campo hai moitas máis aspectos que investigar e difundir.