O centro educativo de Lugo realiza varios proxectos de educación ambiental co apoio do programa Voz Natura
07 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.As desfavorables condicións meteorolóxicas que se rexistraron durante boa parte do curso escolar limitaron no colexio Divino Maestro de Lugo as actividades ao aire libre previstas dentro do programa de educación ambiental Voz Natura. A pesar destas dificultades foi posible levar a cabo varios proxectos. Segundo explica o profesor Carlos Fontela García, que se encarga de coordinar estas actividades, o máis importante deles consistiu en recoller durante a temporada de outono sementes de diversas árbores autóctonas que foron plantadas en sementeiros. «Recollemos sementes de diferentes especies presentes na nosa comunidade, como castiñeiros, pradairos, abeleiras, carballos, aciñeiras ou nogueiras», apunta.
Por outro lado, o centro educativo dispón de seis acuarios e terrarios nos que se crían peixes tropicais, anfibios, tartarugas, insectos pau e vermes de seda. «Hai un acuario onde recollemos mostras de auga de charcas para observar seres vivos que se desenvolven a partir das mostras e xa temos caracois, artrópodos e crías de libélula», sinala o profesor. No colexio, ademais, incúbanse ovos de galiña da variedade galega pita de Mos. Todas estas instalacións permiten aos alumnos observar directamente diferentes tipos de vida animal.
As actividades desenvolvidas durante este curso comprenderon tamén exposicións de plantas curiosas. «Este ano tivemos especies parasitas como o visgo, útiles para o home como o papiro, acuáticas como as anubias e alimenticias como garavanzos», apunta Fontela.
No colexio Divino Maestro, por outra parte, realízanse todos os anos actividades de fomento da reciclaxe de materiais como o papel e o plástico. «Participamos tamén en programas de recollida de pilas usadas, bolígrafos, rotuladores e outros instrumentos de traballo dos alumnos», indica a este respecto o docente.
Os alumnos do colexio lucense, así mesmo, celebraron unha festa de outono na que se recolleron flores e froitas propias da estación e na que os máis pequenos plantaron plantas en envases de plástico para decorar as aulas. O Día do Medio Ambiente foi celebrado tamén cun programa da radio escolar no que participaron alumnos de diferentes cursos e etapas educativas.
Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.