Un dominó e un «memory» baséanse no léxico recollido entre os veciños
22 may 2026 . Actualizado a las 19:53 h.O léxico tradicional da serra do Courel serve de base a dous xogos de mesa —un dominó e un memory de cartas— creados por iniciativa do colexio público Poeta Uxío Novoneyra dentro do proxecto «Palabra no tempo», promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Instituto da Lingua Galega. O obxectivo é axudar a conservar e divulgar numerosas palabras e expresións que foron recollidas polos alumnos deste centro educativo. O deseño gráfico dos xogos foi encargado á empresa OzocoGz.
Tanto o dominó como o memory seguen o mesmo principio, segundo explica Iria Fernández Moscoso, profesora de lingua galega que coordina este proxecto no colexio. «Nos dous casos trátase de asociar cada palabra ou expresión cunha imaxe que a representa», di. Os xogos conteñen termos como zampexa (salamandra ou píntega), costrela (costela), para (casca de pataca), saruga (dente de allo), covaracha (caluga), estoupalló (un tipo de flor), poñerse ao subeiro (a cuberto), degallar (podar), cortezo (colmea) ou escanil (escano), entre moitos outros.
Recollida de voces
Todo este vocabulario foi recollido de diferentes maneiras no territorio do municipio de Folgoso do Courel. Por unha parte, os alumnos do centro recompilaron numerosas voces consultando ás súas familias. Por outro lado, o colexio elaborou un cuestionario ao que se puido acceder mediante un código QR publicado nos seus perfís de Facebook e Instagram. Este cuestionario, impreso en papel, foi tamén distribuído en diferentes lugares, como a casa consistorial, os centros de saúde de Folgoso e Seoane, a Casa do Maior e varios establecementos comerciais. As persoas que quixeron colaborar no proxecto introduciron palabras nestes cuestionarios explicando os seus significados.
A campaña desenvolveuse durante os últimos meses e conseguir recuperar un amplo número de voces tradicionais. «En total puidemos recoller 370 resultados, o que está moi ben para un período tempo non moi prolongado, como o que empregamos neste proxecto», sinala Iria Fernández. «En realidade recompilamos algunhas voces máis, pero en certos casos había dúbidas en canto ás definicións, así que o deixamos en 370», agrega.
Unha presentación pública e un dicionario que será editado en soporte de papel
Os dous xogos de mesa baseados no vocabulario do Courel poranse á venda ao prezo de 12 euros cada un. Os beneficios destinaranse a financiar excursións e outras actividades organizadas polo colexio. O centro organizará unha presentación pública destes produtos nun acto que está previsto celebrar o próximo 17 de xuño na Estación Científica do Courel. «Pretendemos que a esta presentación veñan moitos veciños, porque este traballo non é algo exclusivo do colexio, senón que puido ser realizado grazas á colaboración de moita xente», apunta Iria Fernández. Por outro lado, ademais dos dous xogos de mesa, o colexio Poeta Uxío Novoneyra elaborou un dicionario no que se recollen todas as voces tradicionais recompiladas dentro do proxecto «Palabra no tempo». Esta obra será publicada en papel coa axuda da Deputación lucense.
Versión dixital
Hai tamén unha versión dixital, baixo o título Dicionario de léxico patrimonial do Courel, que xa está publicada na páxina web do Instituto da Lingua Galega e que pode consultarse na dirección ilg.usc.gal