As actividades comezarán coa inauguración dunha mostra dedicada a Begoña Caamaño
01 may 2026 . Actualizado a las 18:58 h.O Concello de Monforte deu a coñecer as actividades culturais deste ano con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. A programación desenvolverase ao longo do mes de maio e comezará o día 6 coa apertura dunha exposición, na Casa da Cultura Lois Pereiro, sobre a escritora e xornalista Begoña Caamaño, falecida no 2014, á que se lle rende homenaxe. Como en edicións anteriores, organizarase un certame de narración e debuxo escolar e haberá teatro infantil. O Correlingua e o Festival das Letras Galegas completan o programa.
Dende o Concello sinalan que as actividades conmemorativas da festividade do 17 de maio están dirixidas ao público infantil e adulto, «co obxectivo de ofrecer ao conxunto dos monfortinos diferentes propostas culturais a través do teatro, da música e mesmo da reivindicación do uso da lingua galega». O alcalde, José Tomé, anima á cidadanía a participar «no amplo programa e que se desenvolverá ao longo do mes de maio».
EXPOSICIÓN
Mostra sobre a vida e a obra de Begoña Caamaño. O día 6 de maio inaugurarase a exposición titulada «De Circe a Morgana», que poderá verse na Casa da Cultura Lois Pereiro ata o 21 de maio. A mostra está promovida pola Secretaría Xeral da Lingua e foi elaborada polo IES Castelao, de Vigo, que resultou premiado no Concurso das Letras Galegas 2026. A inclusión dunha unidade didáctica dirixida especialmente á comunidade educativa completa os seus contidos.
CERTAME TEATRAL
Representacións a cargo dos centros de ensino. Entre o 7 e o 19 de maio desenvolverase o certame municipal de teatro para centros de ensino, no que participan os colexios A Gándara, Novo e Ferroviario; e os institutos A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey. O Concello colabora achegando ata 200 euros, en cada caso, para a adquisición de material destinado á realización das obras. Os premios consisten na gravación en DVD das pezas teatrais representadas, que recibirán os centros inscritos xunto cun diploma acreditativo da súa participación. A entrega realizarase no salón de actos da Casa da Cultura o 27 de maio.
As obras que se representarán son Acabouse a guerra, do colexio A Gándara, o xoves 7 de maio; Esmoleiros, do instituto Río Cabe, o venres 8 de maio; A casa, do instituto A Pinguela, o luns 11 de maio; A gatipública, do colexio Ferroviario, o xoves 14 de maio; O velorio, do instituto Daviña Rey, o luns 18 de maio; e Hoxe hai función, do colexio Novo, que será o que peche o ciclo de representacións o martes 19 de maio.
CORRELINGUA
Marcha escolar dende San Vicente. O Correlingua, iniciativa de carácter lúdico e didáctica, sairá a o 13 de maio desde San Vicente para facer un percorrido urbano ata a Compañía. A marcha está promovida pola asociación cultural do mesmo nome, co apoio da Deputación de Lugo. Tamén colaboran CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. O obxectivo é sensibilizar á sociedade sobre a defensa da lingua a través dos máis novos.
MÚSICA
Dúas agrupacións actuarán no Festival das Letras. O domingo 17 de maio, data na que se celebra a festividade do Día das Letras Galegas, o salón de actos da Casa da Cultura Lois Pereiro acollerá a partir das doce do mediodía o festival que organiza tradicionalmente o Concello con motivo desa conmemoración. As actuacións correrán a cargo da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e a Coral Polifónica do Concello de Monforte.
TEATRO INFANTIL
Espectáculo de narrativa oral e música. O programa das Letras Galegas deste ano concluirá o 31 de maio cunha proposta de teatro infantil e familiar enmarcada no programa da Secretaría Xeral da Lingua FalaRedes. Trátase da representación da montaxe As mil e unha, un espectáculo de narración oral e música a cargo de Vero Rilo e o músico Luís Iglesias que comezará ás seis da tarde no auditorio do multiusos.
Novo certame de naración e debuxo infantil
A través da biblioteca pública municipal, convoca unha nova edición do certame de narración e debuxo infantil das Letras Galegas. O concurso está dirixido a escolares de ata 16 anos e conta con dúas modalidades. Nunha delas, de narracións en galego, os participantes deberán presentar textos cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara. A outra categoría do concurso premiará debuxos feitos sobre papel ou cartolina cun tamaño estándar de 21x29,7 centímetros. A temática en ambos casos versará sobre un texto titulado Medrar lendo que está dispoñible nas bases publicadas na web municipal.
Os traballos deberán presentarse na biblioteca pública antes do 21 de maio, data límite nas tres categorías do concurso: ata 8 anos, de 9 a 11 anos, e de 12 a 16 anos. O xurado seleccionará un máximo de tres traballos por modalidade, que recibirán como premio un lote de libros, un diploma e o pase á fase provincial do certame. Neste caso, a convoca a biblioteca pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.