O concurso celebrarase na praza de España o día 7 do mes próximo
23 abr 2026 . Actualizado a las 19:15 h.O Concello de Monforte organiza unha nova edición do concurso de Maios cun total de 1.905 euros en premios. A festa será o 7 de maio e o prazo de inscrición remata o día 4. O certame comezará ás cinco e media da tarde na praza de España. Repartiranse 1.905 euros en premios en dous apartados: un para os Maios florais, cunha dotación total de 1.500 euros, e outro para as coplas, con 405 euros.
No apartado dos Maios florais poderase competir en tres categorías: unha para agrupacións colectivas, outra pare particulares e unha terceira para centros de ensino. O xurado do certame municipal, segundo explican desde o Concello, valorará os traballos seguindo os criterios da imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, a elaboración das pezas, os materiais utilizados e a calidade.
Contía dos galardóns
As bases do certame establece que para cada unha das categorías dos Maios florais haberá un primeiro, un segundo e un terceiro premio, así como un máximo de seis accésits. As contías económicas destes galardóns son de 200 euros para o primeiro premio, 150 para o segundo, 100 para o terceiro e 75 euros para cada un dos accésits.
Polo que respecta ao concurso de coplas, o xurado valorará aspectos como a interpretación, a posta en escena, a imaxinación, a idea, a orixinalidade, os instrumentos musicais utilizados e o número de compoñentes de cada grupo. Nesta modalidade, establécese unha única categoría cun primeiro premio dotado con 100 euros, un segundo de 75 euros e un terceiro de 50 euros. Ao igual que nos Maios florais, haberá un máximo de seis accésits, dotados neste caso con 30 euros cada un.
O alcalde de Monforte, José Tomé, anima aos veciños a «participar nesta celebración tradicional que festexa a entrada da primavera coa lectura de coplas e a confección de montaxes florais e vexetais nas que os monfortinos e monfortinas veñen demostrando a súa orixinalidade e gran creatividade».
A celebración do concurso municipal terá o seu espazo central na praza de España, onde se concentrarán os maios florais tras percorrer as rúas da cidade libremente e onde serán interpretadas as coplas.
O prazo para presentar as solicitudes de participación no certame xa está aberto e finalizará o luns, 4 de maio, ás 14.00 horas. As inscricións deberán formalizarse no rexistro do Concello. As bases do concurso municipal aprobaranse o vindeiro luns, 27 de abril.