Reeditan o libro do que naceu hai 28 anos o Filandón de Músicas do Courel

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Participantes na edición do 2021 do festival de música de tradicional do Courel
Participantes na edición do 2021 do festival de música de tradicional do Courel No disponible

Xosé Lois Foxo recupera en formato dixital unha obra esgotada hai xa moito tempo

12 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

En xullo de 1998 celebrouse por primeira vez o Filandón de Músicas do Courel, que continuou de forma ininterrompida ata hoxe. Iso non era o que estaba previsto ao principio, xa que aquela edición inicial do festival foi organizada unicamente para presentar o libro Músicas do Caurel, de Xosé Lois Foxo, natural do municipio e director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. «O obxectivo era ese e non estaba previsto darlle continuidade, pero o festival tivo moito éxito e seguiu celebrándose ano tras ano», explica.

O libro, froito dunha década de traballo, leva moito tempo esgotado e fóra do mercado. Por este motivo, o autor decidiu lanzar unha reedición dixital que está xa dispoñible en formato kindle na plataforma Amazon, ao prezo de 19,90 euros. A primeira edición da obra publicouse co apoio da Deputación ourensá. «Hoxe resultaría carísimo volver editalo en papel pola súa extensión e porque contén moitas fotografías, pero hai moita xente que segue demandando este libro, polo que decidimos sacar unha edición dixital», engade Foxo. A obra foi seguida por outros dous volumes que apareceron en anos sucesivos, pero a segunda e a terceira parte aínda non están esgotadas, polo que por agora non se considerou necesario reeditalas.

Informantes falecidos

Xosé Lois Foxo recorda que o primeiro volume de Músicas do Caurel reúne numerosas melodías recollidas de informantes que faleceron desde que a obra foi publicada por primeira vez. É o caso, entre outros, da cantora popular Elvira Touzón Quiroga, natural da localidade de Santa Eufemia, que finou en maio do 2011 cando estaba a punto de cumprir 102 anos de idade. O libro reproduce as partituras e letras de pezas pertencentes diversos xéneros, como os brindos ou cantares improvisados —de voda e de seitura—, os romances, as muiñeiras, as alboradas ou as carballesas.

O libro recolleu tamén composicións orixinais de grupos musicais tradicionais da serra do Courel, como Os Padernes e a Orquestra de Eiriz. Á primeira destas formacións débense pezas como Pastora do Courel e No bicarelo do bico de brelo, esta última inspirada nun poema de Uxío Novoneyra. «Esta foi a primeira vez que se publicou a partitura da Pastora do Courel, unha peza que hoxe interpretan moitos grupos de música galega», sinala Foxo a este respecto.

A portada do libro, por outra parte, reproduce imaxes de catro esculturas de gaiteiros que forman parte dun retablo conservado na igrexa de Meiraos, construída en 1614. Os músicos levan vestimentas propias desa época. Dese período histórico, sinala o autor, procede a peza Danza procesional da Ermida, que foi transmitida polo gaiteiro Colomán González Rodríguez.

O primeiro volume de Música do Caurel, por outro lado, publicouse cun extenso prólogo do sacerdote David Gil Mato, estudoso das tradicións populares que viviu na serra durante boa parte da súa vida e faleceu en febreiro do ano pasado. «Reeditar esta obra é tamén como unha homenaxe a Gil Mato», di Foxo.

O terceiro volume da serie inclúe soportes en audio e vídeo dos músicos populares que teñen participado nas diferentes edicións do Filandón. Estas obras, sinala así mesmo o autor, axudan a conservar unha parte da cultura popular que podía terse perdido para sempre. «Creo que esta serie é un referente na música tradicional galega, porque reúne moitas melodías transmitidas durante xeracións que nunca foran recollidas antes en libros e gravacións», conclúe.