Iker Codesido: «O nivel dos atletas locais é superior ás instalacións que temos na Pinguela»
LEMOS
O deportista monfortino pide a renovación das pistas Saleta Fernández
10 ene 2025 . Actualizado a las 17:22 h.O monfortino Iker Codesido comezou o 2025 con medalla. O atleta local proclamouse campión galego de cross na categoría sub-20. É a primeira medalla que conquista nesta modalidade. O corredor acabou contento e asegura que este título motívao para facer unha gran tempada.
—Que supuxo para vostede acadar este campionato?
—Estou moi contento, porque é o resultado do traballo intenso que levo facendo durante a pretempada. Cando te esforzas e te sacrificas chegan os froitos.
—E mira que se lle resistía a medalla no cross?
—A verdade é que si. No cross non soía facer carreiras con medallas, senón que quedaba cuarto, quinto ou sexto. Pero este ano dixen que tiña que ir por todas, din un paso adiante e traballei moito. Ao final chegou o título.
—Onde estivo a clave para acadar este metal de ouro?
—Nesta ocasión tivemos unha adversidade, que foi que o noso adestrador non pudo acompañarnos no campionato que se celebrou na Rúa. Eu chameino o día anterior para que prantexara a estratexia. Díxome que marcara o ritmo e que tomara a saída con ganas e con decisión. E así o fixen, dende que saín ata que entrei na meta fun de primeiro.
—Que diferenza existe entre o cross e a pista cuberta?
—O cross é moito máis duro que a pista cuberta, porque non é un circuíto liso, senón que atopas barro, subidas e baixadas e en ocasións toca competir con moito frío. Estes factores provocan que non se poda levar un ritmo constante. E na pista cuberta levas mellor o ritmo, non sofres tanto e vas máis rápido.
—E as súas compañeiras e compañeiro tamén acadaron medallas, non si?
—Así é. Fixeron un gran campionato. É unha gozada adestrar con eles, porque formamos unha auténtica familia. E, de verdade, lograr estas medallas motívanos moito a todos.
—Que lectura extrae do ano 2024?
—Destaco, sobre todo a miña presenza no Europeo en Eslovaquia. Traballo custou, pero o sacrificio mereceu a pena. Mentres adolescentes coma min estaban gozando da piscina no verán, eu tiven que sacrificar eses intres e traballar para estar no Europeo.
—Que obxectivos ten de cara a este 2025?
—Sei que será un ano difícil, porque me convertirei no atleta más novo da categoría. Pero é un reto. Quero continuar polo mesmo camiño do 2024. Espero que me respecten as lesións para facelo ben nos nacionais e volver repetir a fazaña de ir ao Europeo.
—E cal é o seu soño?
—Competir nos Xogos Olímpicos.
—E non lle gustaría competir nun campionato de España ou galego en Monforte?
—Claro que me gustaría, pero a situación na que se atopan as pistas de atletismo da Pinguela non reúnen as condicións para acoller campionatos destas características. Son pésimas. O nivel dos atletas locais é superior ás instalacións. Xa levamos moitos anos acadando bos resultados no atletismo, e considero que xa é hora de dar un paso adiante e reformar dunha vez por todas estas pistas.
—Cales son os principais problemas que teñen?
—O principal problema é o tartán, que está levantado por todos os lados. Non podemos adestrar nas épocas de alta intensidade con cravos. E despois hai que dicir que as pistas non contan coas dimensións que esixen para albergar unha competición galega e estatal. Eu fago un chamamento a quen lle competa para que se poñan mans á obra e que se acometa a renovación destas pistas da Pinguela.