«O atletismo é a miña paixón e a miña vida, como se fose o meu traballo sen cobrar»

luis conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

10 ene 2025 . Actualizado a las 17:22 h.

Falar de atletismo para Iker Codesido é facelo da súa auténtica paixón. O atleta formado na Gándara explica as razóns que o levaron a apostar por este deporte.

—Por que se decidiu polo atletismo?

—Cando comecei a correr vin que nas carreiras ninguén se insultaba cos demais, nin había xogo sucio. Gustoume o ambiente, e tiven claro que o atletismo era o meu deporte. Así deixei o fútbol e comecei a practicar este deporte.

—Que é o atletismo para vostede?

—O atletismo é a miña paixón e a miña vida. É como se fose o meu traballo sen cobrar cartos.

—E onde están as claves para gozar tanto co atletismo?

—Unha das claves é ter sentimento de amor cara o deporte que practicas, no meu caso, o atletismo. E outra está no feito de que vaias adestrar sen que iso supoña unha carga e un grave compromiso. E logo están a ilusión e a disciplina.

—Que supón Rubén Macaná, o seu adestrador, para vostede?

—Rubén Macaná é un máis da miña familia, co que teño moita comunicación e confianza. El sabe todo da miña vida. E está claro que é unha persoa clave para que eu triúnfe no atletismo.

—Son moitas horas ás que adica ao atletismo. Consegue compaxinalo cos estudos?

—Este ano estou cursando 2º de BAC, e resulta máis complicado, porque eu quero acabar cunha boa media. Pero si que se compaxina.

—Que fai no seu tempo libre?

—Estar coa familia e cos avós.