«Esta decisión supón a perda dunha oportunidade histórica», di Antón Patiño

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O pintor Antón Patiño ofreceu terreos ao Concello para crear un centro artístico
O pintor Antón Patiño ofreceu terreos ao Concello para crear un centro artístico CEDIDA

O pintor lamenta que o Concello de Monforte rexeitase a súa proposta de crear na cidade un centro artístico

26 oct 2024 . Actualizado a las 20:21 h.

O pintor monfortino Antón Patiño difundiu un comunicado no que explica que o Concello de Monforte lle transmitiu o pasado día 23 «a negativa definitiva e firme» a tramitar a proposta que lle presentou o pasado 23 de setembro para crear un centro artístico. Esta decisión, opina o artista, «supón a perda dunha oportunidade histórica para esta cidade, que permitiría ademais engadir á súa oferta turística un foco de atracción importantísimo».

A proposta de Patiño, como sinala no seu comunicado, consiste en «promover un cambio no plan urbanístico actual» para a chamada Zona D que protexa o que queda do antigo muro do colexio Escolapios lindante co Parque dos Condes e descarte a construción dunha nova rúa que chegaría ao paseo fluvial. O pintor propuxo edificar no lugar un centro artístico que —segundo afirma— «polas súas especiais características arquitectónicas e polo seu programa de actuación cultural e social, estaría chamado a ser un referente da cultura galega e da cidade de Monforte». Patiño encargou a un estudo coruñés de arquitectura un anteproxecto para este edificio —que propuxo chamar Centro Artístico de Monforte ou CAM— que foi presentado como alegación ao plan urbanístico.

Unha campaña organizada recentemente nas redes sociais en apoio da proposta de Patiño reuniu as sinaturas de cerca de catrocentas persoas, entre as que figuran coñecidos artistas e intelectuais, como os pintores Antón Lamazares e José Maria Sicilia, o director do Museo Reina Sofía, Manuel Segade, os escritores Manuel Rivas e Xosé Luís Méndez Ferrín e os músicos Antón Reixa e Julián Hernández. «Quero agradecer inmensamente a todas as persoas de Monforte residentes ou na diáspora, ás propias institucións políticas e culturais de Monforte e de toda Galicia, aos artistas de Galicia e de fóra dela, aos medios de comunicación e á opinión pública en xeral o seu apoio nesta loita para manter viva a c da cultura», di a este respecto o pintor.

O alcalde, José Tomé, respondeu no seu momento a esta iniciativa que Antón Patiño debía ter formulado a súa proposta no ano 2000, cando se aprobou a creación da Zona D, e que modificar agora os plans municipais obrigaría a modificar as normas subsidiarias de planeamento, para o que se requirirían anos.

A pesar do rexeitamento da súa proposta por parte do Concello, Patiño non renuncia a o seu proxecto. «Con todos os respectos ao Concello de Monforte, esta loita por Monforte continúa», di ao final do seu comunicado.