Andrea López, escritora de Pantón: «Escribín a miña novela cando tiña 13 anos, aínda que despois a revisei»
LEMOS
López publicou recentemente o seu primeiro libro, «Crónicas de Vanusum I»
02 jun 2023 . Actualizado a las 10:31 h.O Círculo Saviñao de Escairón acolleu esta semana unha presentación da primeira novela de Andrea López Otero (Pantón, 1998), titulada Crónicas de Vanusum I, publicada o pasado abril. A autora —que tamén é enxeñeira aeronáutica e aeroespacial— participará mañá nun encontro con outros escritores relacionados con Pantón que comezará na Casa de Cultura de Ferreira ás oito da tarde. A escritora asina o seu libro como Andrea Micc.
—O seu libro está relacionado coa súa formación como enxeñeira?
—Non, porque o escribín antes de cursar a carreira. Xa estaba escrito cando tiña 13 anos. Despois de rematar os estudos refíxeno moito, pero xa estaba completo desde entón. A miña carreira, que non ten nada ver co mundo das letras, non influíu no libro en si mesmo, pero si na miña maneira de estruturar e organizar as cousas. A miña formación influirá noutros libros que penso escribir máis adiante.
—De que trata a novela?
—É unha historia xuvenil de fantasía, maxia e aventura que discorre nunha pequena parte no noso mundo real e na súa maior parte nun mundo imaxinario. Ese mundo chámase Vanusum, porque sentín a necesidade de darlle un nome propio. Aínda que está escrito sen til, ese nome pronúnciase como Vánusum. É un mundo de elfos, dragóns e ananos fantásticos como os que aparecen en O señor dos aneis. Parécese ao mundo fantástico descrito nesa obra, que por outra parte é algo enorme co que o meu libro non se pode comparar. A xente que o leu tamén lle encontrou parecido con outras obras literarias deste tipo, como a serie de novelas As crónicas de Narnia.
—Como foi o proceso de escribir un libro a unha idade tan temperá?
—Cando tiña nove ou dez anos xa imaxinaba cousas que me gustaba escribir e con once decidín que quería escribir un libro. Ao rematar o ensino primario púxenme a escribir sen parar durante todo o verán. Despois, mentres cursaba a miña carreira, nunca tiña suficiente tempo para escribir. Pero cando terminei os estudos retomei o libro e reviseino moito.
—Foi difícil publicalo?
—Nese proceso de revisión serviume de axuda o libro Curso de escritura creativa, de Brandon Sanderson, que tamén me orientou á hora de buscar unha editorial. O libro publicouse en Círculo Rojo, unha casa de autoedición que permitiu deseñar eu mesma a portada, a contraportada e un mapa que vai no interior. Probei con varias editoriais e tiven a posibilidade de publicar o libro en dúas editoriais de autoedición e noutra de tipo tradicional. Pero eu tiña a ilusión de que o libro se publicase cunha portada deseñada por min e nesa editorial tradicional eran máis inflexibles nese aspecto. Decidinme por Círculo Rojo porque me daba máis liberdade.
—Que relación ten o mundo imaxinario da novela co mundo real?
—No libro fálase da xente do mundo real, que son chamados «os reais». Cando escribín o libro, os principais personaxes eran en certa maneira os meus compañeiros de clase. Non teñen que ver coa personalidade real de cada un deles, pero os nomes destes personaxes están inspirados nos nomes dalgúns compañeiros que tiven no colexio Monte Baliño de Pantón e no instituto A Pinguela de Monforte. Por exemplo, se na clase había un Marcos, no libro hai un personaxe chamado Arcos.
—Dado que se titula «Crónicas de Vanusum I», é se supoñer que haberá unha segunda parte.
—Cando comecei a escribilo xa tiña claro que debería ter ao menos dúas partes. Xa estou traballando nesa segunda parte e seguirei durante o verán. Espero que se poida publicar dentro dun ano.
—É galegofalante, pero o libro está escrito en castelán.
—Cando comecei a escribilo saíume así, en castelán. Pensei en traducilo ao galego, pero despois preferín deixalo así, tal como o fixen ao principio. Gustaríame que se publicase tamén en galego, pero para iso xa haberá tempo. Nun futuro próximo querería publicar un libro de poesía en galego que xa teño escrito, e ademais penso escribir outras obras literarias directamente en galego.