«O maior éxito da Ribeira Sacra foi galopar sen deixar atrás a ninguén»

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

José Manuel Rodríguez, no Centro do Viño da Ribeira Sacra en vésperas da súa homenaxe
José Manuel Rodríguez, no Centro do Viño da Ribeira Sacra en vésperas da súa homenaxe CARLOS CORTÉS

O expresidente da denominación recibe unha homenaxe en Augas Santas

04 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Rodríguez presidía o órgano reitor provisional que nomeou a Xunta de Galicia cando en setembro de 1991 autorizou en Ribeira Sacra o uso do indicativo de Viños da Terra. Foi o paso previo á concesión da denominación de orixe, cinco años despois. O seu consello regulador estivo dirixido por este adegueiro de Sober ininterrompidamente ata o relevo propiciado polo recente proceso electoral. Separado desas responsabilidades, mañá recibe unha homenaxe con motivo da súa xubilación no hotel do balneario de Augas Santas.

—Cando se xubilou?

—En decembro do ano pasado. Puiden facelo xa en xullo do 2021. Cumprira 65 anos e tiña 41 cotizados, pero dixen que levaría a nave a porto e así o fixen.

—Guiar a nave do consello durante 31 anos cunha pequena adega debeu ter un custe.

—Home! Un autónomo sempre ten moito que atender. Nunca tiven as viñas tan ben coidadas como agora. As épocas de máis traballo na viña coinciden con eventos importantes do mundo do viño nos que hai que estar. Tes que ir como representante do consello regulador e tamén pola oportunidade de ver como está o sector do viño. O mercado é cambiante e hai que mirar que fan os que van por diante. Os cambios que se aveciñan vense nesas grandes citas.

—Cal foi a súa receita para que a denominación sobrevivise nese mundo cambiante?

—Traballar cun concepto global nun contexto de grandes, medianas e pequenas adegas. Na nosa denominación de orixe hai xente máis de saír nos medios e outras realidades para as que tamén debemos conseguir rendibilidade. Para os viños das guías chegan vinte hectáreas de viñedo, pero hai que coidar outras 1.200. Tratei de ser un pouco adestrador de fútbol, manter a raia os egos e pensar no equipo. Procurar un prezo medio nos viños rendible para todos. Os pilotos de Fórmula 1 xa fan o seu camiño eles.

—Pensaban chegar ata onde se chegou coa denominación de orixe cando empezaron cos Viños da Terra?

—En trinta anos pasamos de cero a cen. Daquela non había paradores de turismo, nin os restaurantes e as casas rurais que temos hoxe. No viño, que tirou de todo, fomos capaces de poñer en marcha un sector nese tempo. Déronse pasos pouco a pouco: chegaron novas adegas, entrouse nos estantes dos supermercados, abrímonos á exportación... O éxito máis importante foi galopar sen deixar atrás a ninguén.

—Houbo quen se descolgou nos últimos anos por decisión propia.

—É imposible que un mesmo traxe lle sirva ao cen por cen da xente. Houbo quen se pasou a viño de mesa. Moi poucos, porque Ribeira Sacra é un valor engadido. Os que saíron subíranse a un coche que xa estaba e marcha.

—Ribeira Sacra é un caso insólito. Un territorio que toma corpo polo nome dunha denominación. Valórase o papel do viño ou vai camiño do esquecemento?

—Esquecemento, non. Quizais non se acabe de entender suficientemente que este territorio xorde dun concepto de paisaxe vitícola arredor do que hai outras cousas. Os políticos acórdanse do viño para as festas. Ribeira Sacra desenvolveuse a pesar das administracións, díxeno moitas veces. Por un lado foinos ben así, porque esa falta de implicación fixo que fósemos máis fortes. Tamén é certo que se deixaron de facer cousas. Do Leader, mesmamente, apenas chegou investimento ao noso sector. O viño é a columna vertebral deste territorio. Se falla a paisaxe vitícola o turismo desaparece.

—No consorcio turístico, o territorio vaise ensanchando.

—Ribeira Sacra é un nome que inventou o sector do viño. Como dis, é unha cousa única. Os territorios hai que telos ben definidos. Ribeira Sacra é hoxe un nome consolidado e coñecido a nivel internacional. Hai que ter coidado co que se fai con el. Se o concepto acaba por disolverse, vai ser complicado recompoñelo.

—Por onde pasa o futuro desa paisaxe vitícola singular?

—Ten que haber maior apoio en forma de axudas e promoción para que a uva se pague máis. É un obxectivo que non se consegue con que lle vaia ben a catro adegas. Está xenial que haxa quen poida facer negocio producindo só 2.000 botellas a prezo alto, pero a denominación hai que entendela como un todo. Se non é así, esas viñas dos viños caros quedarán rodeadas de monte. Hai que mirar que as do lado non se deixen de traballar. Cando comezamos, Sober tiña 5.400 veciños e hoxe seremos 2.000. Hai bodegas sen fibra óptica ou que teñen que facer importantes inversións para que lles leven a luz.

—No 2000 dicía nunha entrevista que o máis importante en Ribeira Sacra era que se falaba do viño e non do consello regulador. Mudaron os tempos?

—Cando nun partido de fútbol se fala máis do árbitro que do xogo, mala cousa. Os únicos protagonistas na Ribeira Sacra son o viño e a viticultura. Os demais temos que traballar para que o viño se venda e a viticultura sexa rendible. En Borgoña ou Champaña fálase pouco dos que están detrás dos viños. As persoas somos efémeras, as grandes marcas permanecen.

—Acusárono de presidencialista, de non contar co consello.

—Eu teño o meu criterio. O artigo primeiro do regulamento do consello regulado di que a función do presidente e cumprilo e facer que os demais o cumpran. Foi o que me guiou. O anarquismo non vai comigo. As normas son para todos, sexan quen sexan. Sei que iso renxe.

«É normal que veñan novas ideas, pero non se pode tirar a casa sen ter proxectada outra»

José Manuel Rodríguez propuxo no seu momento a creación dunha etiqueta especial para os viños de viñas en bancais da Ribeira Sacra. Unha discriminación en positivo para poder vendelos a mellor prezo e incentivar o mantemento da viticultura heroica cunha maior rendibilidade da uva. A idea non tivo máis recorrido no consello regulador. «Non era —explica— unha ocorrencia. Trasladei o que se estaba a facer noutros sitios de Europa con circunstancias semellantes. Houbo quen non acabou de entender que falábamos da singularidade de certos espazos, non de calidade. A xente non estaba preparada para aquilo».

—Agora fálase de poder etiquetar viños de vila e de paraxe.

—Ribeira Sacra xa é unha das zonas con máis paraxes recoñecidos. No prego de condicións da denominación de orixe pode haber sobre 150, que corresponden ás parroquias incluídas nas cinco subzonas. Estase a falar de cousas sen moito coñecemento. En Ribeira Sacra se poden facer viños de lugares, sempre que se acredite a autenticidade no produto. A lei xeral, por outra banda, xa permite producir viños de parcela. So hai que avisar ao inicio da vendima para que o consello regulador poida verificar que é realmente así.

—¿Pensa que os cambios no regulamento do Bierzo son exportables á Ribeira Sacra?

—Hai zonas italianas de montaña —Aosta, Valtelina, Trentino— onde podemos atopar modelos máis acaídos. Co Bierzo compartimos o Sil e variedades como a mencía ou godello. Enténdennos se falamos o galego, pero a nosa realidade paisaxística non ten nada que ver.

—A xubilación no consello regulador é definitiva?

—Só estou sen xubilar na viña, as cepas enténdenme mellor que moitas persoas. Todos temos un espazo e un tempo para facer cousas. Agora hai outra xente no consello regulador. Pode que fose un erro non contar coa miña experiencia, coa de Manolo [Manuel Gómez, Val de Quiroga] ou coa de Evaristo [Rodríguez, Abadía da Cova]. Con independencia da maior ou menor afinidade persoal con cada un deles, penso que a súa achega sería moi válida. Este é un sector económico. Cando o viño é rendible trabállanse as viñas, e cando non quedan abandonadas. Todo o demais é falar por non estar calados. É normal que cheguen novas ideas, pero non se pode tirar a casa sen ter un proxecto listo para facer outra.

«Sen un viño fiable, a promoción non chega»

Poder ver viva novamente unha viticultura que ía camiño dun abandono irreversible é a satisfacción coa que se queda José Manuel Rodríguez tras deixar o consello regulador de Ribeira Sacra. En canto aos erros, fai unha lectura en positivo: «So te equivocas cando deixas de facer cousas por medo a que non saian. Para aprender, e para avanzar, hai que equivocarse».

—É un momento de incerteza no sector. Como avanzamos?

—Non estamos tan mal. Nos supermercados os nosos viños teñen o prezo de crianzas e reservas. Cando chove, chove para todos. Pero sempre escampa, xa pasamos outras crises. Hai medidas de apoio que se poden aplicar nun curto prazo, pero outras estratexias teñen que ser con visión de futuro. O primordial é traballar na fiabilidade do produto, darlle esa confianza ao consumidor. Se non o consegues, a promoción non vai servir de nada.

—Un titular seu do 2019: «Os pelotazos non van coa Ribeira Sacra». Segue a pensalo?

—Unha das desgrazas do mundo do viño en España nos últimos anos foi a entrada de xente que non era profesional. A Galicia chegaron grupos inversores que non teñen que ver co viño e que buscan rendibilidade a curto prazo. Iso é moi perigoso. Somontano ía ser un modelo para todos e agora hai adegas abandonadas. Ribeira Sacra estivo á marxe, pero se a eses grupos lle dás espazo e lles deixas facer desembarcan facilmente.