«O partido do domingo ante o Montañeros é decisivo para o Lemos»

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

LUIS CONDE

01 feb 2023 . Actualizado a las 20:10 h.

Nacho Rodríguez Rivero converteuse nun auténtico baluarte da defensa lemista. A pesar de contar tan só con 20 anos, a súa presenza é unha garantía, e dende que voltou da súa lesión, o equipo notouno. O defensa soberino está convencido que o Lemos manterá a categoría, pero pide maior respaldo da afección. Ao igual que os seus adestradores, considera que os 50 puntos son os que terán que conseguir para non descender.

—Como valora comezar a segunda volta gañando aínda que sexa ao colista?

—Foi un triunfo balsámico. Despois de perder contra o Ribadeo, que foi un mazazo moi duro, só servía gañar ao Fisterra, e conseguímolo. Este resultado refórzanos animicamente a achéganos ao noso obxectivo.

—Vaia segunda volta espera. Teñen que facer números de campión.

—Si, teremos que loitar moito. Para min o partido do domingo ante o Montañeros é clave e decisivo, porque se gañamos damos un golpe na mesa e metemos aos equipos que nos preceden na clasificación na loita pola permanencia. E iso supón unha presión engadida para eles, que nos convén a nós.

—Comezou a liga dos 32 puntos, xa quedan menos para os 50.

—Según din os nosos adestradores eses son os puntos que necesitamos para manter a categoría, pero eu defendo a filosofía cholista, aínda que son do Madrid, que é ir partido a partido. Non podemos mirar a clasificación. Hai que gañar, gañar e gañar.

—Por que fixo o Lemos unha primeira volta tan mala?

—Foron un cúmulo de circunstancias, e aquí hai que facer fincapé nas lesións e nunha mala pretempada. Estou convencido que tan pronto recuperemos aos lesionados lograremos a regularidade que nos faltou na primeira entrega do campionato.

—Por que vai tan pouco público ao campo da Pinguela?

—Recordo que cando ía eu de cativo, a bancada estaba a tope, pero agora non é así. Eu fago un chamamento para que a afección respalde ao equipo, porque se converte nese xogador número doce que nos fai falla para manter a categoría.

—Está seguro que o Lemos non descenderá á Primeira Autonómica?

—Estou convencido que o Lemos manterá a categoría. Os futbolistas e técnicos estamos comprometidos, e considero que todos os estamentos e o pobo temos que estar unidos para conseguilo.

—Menudos tres meses pasou pola lesión, verdade?

—Foron durísimos, pero agora xa estou de regreso, e iso é o máis importante.

—E ademais, titular indiscutible, como valora o seu rendemento?

—Estou contento, porque gozo de continuidade, pero de verdade, o que realmente priorizo dada a situación na que estamos é o apartado colectivo sobre o individual.

—Que supuxo ter subido ao primeiro equipo e manterse?

—Unha satisfacción. Como futbolista medrei, e tamén como persoa. E teño que darlle as grazas a Alberto López, co que aprendín moito.

—Estará Nacho en categoría superior?

—A min gustaríame xogar no Lemos sempre e se pode ser cos meus amigos mellor. Oxalá poda coincidir de novo co meu primo e con Ivo. Pero non sei o que pasará no futuro, porque agora preparo oposicións para garda civil.

Con 20 anos, o futbolista soberino converteuse nun referente no equipo lemista