Nieves Neira: «En Galicia hai tiraxes de poesía que dobran as de nivel estatal»

ainara rodríguez / f. a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

PEPE SAAVEDRA

A poeta Nieves Neira estará presente este mércores na Feira do Libro de Monforte

23 ago 2022 . Actualizado a las 15:42 h.

Nieves Neira é unha poeta que naceu en Lugo en 1983. Leva sendo unha apaixonada da poesía dende que ten memoria. A súa primeira obra, Neve de agosto, foi publicada recentemente. Estará presente este mércores ás 20:00 horas na Feira do Libro de Monforte recitando os seus versos xunto con outros autores.

—Como comezou o seu gusto pola poesía?

—A poesía para min sempre foi algo moi cercano e que estivo moi próximo na miña casa. O meu pai era lector de poesía e tamén curmán de Uxío Novoneyra. Levo escribindo desde hai moito tempo, de feito a miña última obra está composta por poemas de anos moi distintos.

—É a primeira vez que vai estar na feira do libro de Monforte?

—Si, e apetéceme moito. Gústame moito Monforte e estou moi contenta de poder ir acompañada doutros autores coma Nuria Vil e Antón Lopo. Faremos un evento de lectura de poemas e eu lerei algún do meu libro.

—Falemos de Neve de agosto, a súa última obra. En que se inspirou para escribila?

—O título vén dunha lenda sobre unha muller que no século IV en Roma quería colaborar coa igrexa, pero para iso tería que buscar neve na cidade o 5 de agosto, e alí construir un santuario que a día de hoxe existe. Chámase Santa María das Neves e cada 5 de agosto lánzanse pétalas brancas para semellar a neve. O que quero reflectir coa miña obra é esa idea de procura do imposible, de abrirse ao desvío de esperar o inesperado e tamén tratar a apertura dos sentidos.

—Que escritores diría que lle soen inspirar?

—No meu libro están moi presentes dúas lecturas que me inspiraron, concretamente de Uxío Novoneyra e de Gabriela Llansol, que é unha autora portuguesa que viviu moito tempo no exilio en Bélxica. A súa obra agora está comezando a ser moi coñecida en Portugal, pero fóra dese país non é tan coñecida, aínda que dedicase toda a súa vida á escritura.

—Dende o seu punto de vista coma muller poeta, como ve a situación da muller neste sector?

—Na poesía galega hai voces de mulleres referenciais. Para comezar, Rosalía de Castro é unha figura representativa no panorama internacional. A día de hoxe hai moitas escritoras galegas referenciais a nivel estatal e europeo, coma Chus Pato ou Olga Novo por exemplo. As mulleres son a punta da lanza da poesía galega, pero iso non quere dicir que o patriarcado non estea aí actuando.

—Pensa que aínda existe certo prexuízo da lingua galega na literatura?

—Na literatura entendo que non. De feito pasan cousas bastante curiosas. En Galicia hai tiraxes de poesía que dobran as de nivel estatal. Yolanda Castaño comentou hai pouco que vendera 800 exemplares do seu libro, quizais haxa outras obras que non chegan a iso. Igualmente, segue habendo prexuízos con respecto á lingua. Non se coida dende os medios, e menos dende as administracións.

—Está a facer unha tese sobre Uxío Novoneyra. Como xurdiu a idea de querer escribila?

—Eu fixera un mestrado de Teoría da Literatura e continúo nese programa da USC. Como é un autor ó que lle dedico moito tempo, pensei que estaría ben facela. Afonda no seu pensamento e gustaríame aportar algo con ela.