Pedro Gómez, inspector de educación retirado: «Chegou a haber escolas en case todas as parroquias da Terra de Lemos»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Pedro Gómez repasa no seu libro a historia da educación na comarca de Lemos nos séculos XIX e XX
Pedro Gómez repasa no seu libro a historia da educación na comarca de Lemos nos séculos XIX e XX CARLOS CORTÉS

Gómez recolle nun libro dous séculos de historia da educación nesta zona. Titúlase "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX" e vaino presentar o día 26 en Monforte

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O nome de Pedro Gómez (Monforte, 1947) tenlle que soar a calquera que traballase no ámbito da educación na provincia de Lugo durante os anos 80 e 90 e nas dúas primeiras décadas do século XX. Inspector de educación durante moito tempo tanto en Lugo, como en Monforte e en Burela, foi ademais entre 1996 e o 2001 subdirector xeral de Ordenación Educativa e subdirector Xeral de Centros. Dentro duns días presenta en Monforte o libro O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX. Dedícallo a todos aqueles que «traballaron durante estes douscentos anos no ensino, alfabetización, instrución e educación dos nenos e adultos da comarca do Val de Lemos».

—Este libro ten detrás un considerable traballo de documentación,

—Levoume cerca de seis anos facelo. Xubileime en novembro do 2015 e o fundamental do libro remateino en marzo do 2021.

—Fai un percorrido de dous séculos pola historia da educación na Terra de Lemos.

—Dedico ao século XIX os catro primeiros capítulos e ao XX os catro últimos. No primeiro e no quinto capítulo fago un estudo do contexto, cultural, político e social, da Terra de Lemos, de Galicia e tamén de España.

—Foille difícil atopar documentación?

—Encontrei bastante no arquivo municipal de Monforte. Nos outros concellos da comarca apenas teñen, só no Saviñao hai algo, pero pouco. Tamén encontrei bastantes datos En Lugo no arquivo histórico provincial e na biblioteca da Deputación Provincial, porque repasei o BOP desde 1834, cando saíu o primeiro número, ata 1940.

—As autoridades educativas non gardan memoria disto?

—Non.

—Que importancia ten neste repaso histórico o colexio dos Escolapios?

—Existe desde 1593, cos pais Escolapios desde 1873. Era naquela época un colexio para xente de clase alta, aínda que desde o principio tiñan tamén tres clases para os alumnos pobre. O mesmo facían as monxas da Divina Pastora, que abriron o seu colexio en Monforte no século XV. Dos Escolapios saíron moitos persoeiros coñecidos.

—Pero serviu para formar en Monforte algo parecido a unha clase media ou alta ilustrada?

—Eu diría que si. E algo daquilo penso que aínda queda, nunha tendencia que hai entre moita xente a mandar os fillos aos Escolapios. Houbo unha época, durante o franquismo, na que nesta comarca ou estudabas nunha academia —que en Monforte había tres a Balmes, a Comercial e a Monforte—, ou estudabas nos Escolapios. Os que eran de familia que o podían pagar ían aos Escolapios.

—Cal foi a pegada que deixou o ferrocarril na educación da comarca.

—Moita. Primeiro a través das chamadas escolas de Ave María, do sindicato católico de ferroviarios. E despois, a partir de 1931, co colexio ferroviario, que estamos a poucos anos do seu centenario. Este colexio formou durante xeracións aos nenos e nenas do barrio da estación, aos fillos dos ferroviarios.

—No seu libro distingue dúas etapas durante o franquismo.

—A primeira foi de absoluto retroceso. Na segunda chegou un momento no que había escolas en case todas as parroquias dos seis concellos. E despois chega o corte no 1970, coa lei xeral de educación, que é que vai suprimir as escolas unitarias e permitirá as concentracións escolares.

—Coa perspectiva que dá o tempo, esa foi unha boa decisión?

—Penso que si, o que pasa é que os colexios ao principio estaban saturados, a 40 alumnos por aula, case non había infraestruturas deportivas... Durante anos, os estudantes que querían ter unha preparación deportiva facíana nos Escolapios e no Club Fluvial. Nos colexios e no instituto non tiñan onde.

—Recolle no seu libro que a finais dos 70 había no Saviñao 39 escolas. Non lle parece que aquel proceso de concentración puido acelerar o baleirado das parroquias?

—Ata aquel momento, a educación básica duraba ata os 10 anos. Coa EXB pasou a ser ata os 14. Iso dificultaba facelo doutra maneira, con mais colexios e non tan grandes. Neste libro non trato de facer opinión, senón de documentar os cambios. De todas formas, eu penso que en xeral tras todos eses cambios hai unha vontade de ir resolvendo os problemas que van xurdindo. É certo que determinadas decisións en política educativa poden acelerar procesos sociais, como por exemplo o despoboamento rural. Pero no caso concreto dos anos 70, había situacións novas ás que lles había que dar saída. Vistos con perspectiva, os cambios na política educativa van sucedendo con bastante lóxica, tendo en conta a realidade de cada momento histórico.

—Cara onde pensa que imos en materia de infraestruturas e de políticas educativas? Se lle tocase facer dentro de vinte anos unha continuación a este libro que pensa que escribiría?

—Non teño nin idea. Espero que a escola do século XXI se pegue á realidade. O mesmo que xa está facendo a formación profesional. Que se ensine para a realidade, para o futuro.

 A presentación do libro «O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX» terá lugar nun acto público organizado para o xoves 26 de maio na casa da Cultura de Monforte. Comezará ás 19 horas