As adegas de Vilachá recuperan a festa do seu viño tras dous anos de parón

Carlos Cortés
CArlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Boa participación este sábado no primeiro día do certame, que remata hoxe

08 may 2022 . Actualizado a las 11:48 h.

As vellas adegas de pedra de Vilachá enchéronse este sábado na primeira xornada na Feira do Viño de Vilachá. O certame volve este ano despois de dous anos de parón e faino con novidades, porque por primeira vez conta con postos de adegas de fóra desta parroquia da Pobra do Brollón. O Concello decidiu organizar este ano dous circuítos en paralelo, o dos colleiteiros locais e o das adegas comerciais. Para estas últimas, o único requisito é que teñan viñas en Vilachá ou que compren uva nesta ribeira.

A edición número 29 da Feira do Viño de Vilachá comezou coa apertura dos postos das adegas este sábado a media mañá. No circuíto dos colleiteiros, abriron cinco das adegas tradicionais desta parroquia: Couso, Os Conventos, Outeiro Pedro e José Rodríguez López. No das adegas comerciais, están presentes en Vilachá con posto propio Abadía da Cova, Acivro, Adega Sernande, Adega Vella, Bico de Lagar, Ciudaseis, Tolo do Xisto e Val do Frade.

A animación musical neses primeiros momentos da feira e tamén durante a tarde puxérona media ducia de grupos de cantos de taberna. O fin de festa poñíao un concerto do grupo Brassica Rapa, que estaba previsto para as dez e media da noite. A presenza de público foi alta durante todo este primeiro día, animada polo bo tempo. Para esta fin de semana a previsión do tempo anuncia máximas de 30 graos na comarca de Lemos, e xa onte o sol apretou considerablemente nalgúns momentos do día. As adegas tradicionais desta parroquia, que están no lugar da Abelaira, encóntranse protexidas por árbores, así que a sombra está garantida.