Os Maios recupéranse da pandemia e volven con forza a Monforte

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Quince composicións florais participan no acto organizado no centro da localidade polo concello

05 may 2022 . Actualizado a las 20:09 h.

A festa dos Maios sobreviviu á pandemia en Monforte. Esta localidade é unha das que conservan en Galicia esta celebración tradicional de primavera, pero non a fixo no 2020 e tampouco no 2021. A covid-19 non deixaba, pero neste 2022 o Concello decidiu aproveitar o alivio das restriccións para volvel convocar a tradicional concentración de Maios no centro da localidade e a animar aos centros escolares e aos veciños en xeral a volvela celebrar. O chamamento tivo eco, porque a participación foi alta. O día tamén acompañou cunha tarde soleada e primaveral

Un total de 15 composicións feitas con flores e outros compoñentes vexetais foron trasladadas a primeira hora da tarde deste xoves á praza de España desde diferentes puntos da cidade. Algunhas estaban feitas nos colexios, pero tamén había un bon número delas preparadas por particulares nas súas casas.

Ás cinco e media da tarde, unhas duascentas persoas estaban xa na praza arredor dos 15 maios. O único grupo que este ano levaba coplas preparadas foi o do colexio da Gándara. Un grupo formado basicamente por alumnos e reforzado á guitarra por un profesor cantounas na parte alta da praza ante o público que estaba abaixo.