O Consello de Cultura Galega organiza na Pobra do Brollón unhas xornadas sobre a paisaxe medieval

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O programa de actividades comprende unha visita guiada ao xacemento arqueolóxico do castro de Cereixa
O programa de actividades comprende unha visita guiada ao xacemento arqueolóxico do castro de Cereixa CEDIDA

A iniciativa conta coa colaboración do Concello e da asociación veciñal de Cereixa

21 sep 2021 . Actualizado a las 19:26 h.

O municipio da Pobra do Brollón acollerá entre o venres e o sábado unhas xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega nas que se divulgarán varios proxectos de investigación centrados -segundo a entidade promotora- «na construción da paisaxe galega nun período que foi clave durante a Alta Idade Media e do que, grazas a eles, estamos comezando a comprender na súa verdadeira dimensión». Algunhas das investigacións que se abordarán nestas xornadas lévanse a cabo no sur lucense.

Na primeira xornada, a partir das 10.00 horas, Iván Álvarez Merayo falará sobre «Arqueoloxía no burgo medieval de Monforte. Seguidamente, Sonia García e Xurxo Ayán darán a conferencia «Na procura dos confinados dos séculos altomedievais. Eremitas, covas e santuarios rupestres». A terceira charla, a cargo de Rebeca Blanco-Rotea, titúlase «Reinterpretando a arquitectura desde a Alta Idade Media». A continuación, Francisco Alonso Toucido falará sobre as cerámicas medievais.

Pola tarde, a primeira charla será ofrecida ás 16.00 horas pola edafóloga Cruz Ferro, que falará sobre «O que a terra nos conta: a paisaxe nas fontes edafolóxicas». A seguir, Vítor Rodríguez Muñiz disertará sobre «A paisaxe na documentación». En terceiro lugar, Xurxo Ayán falará sobre «A cartografía simbólica da Alta Idade Media a partir das fontes orais». Na seguinte charla, Juan Pablo López García exporá o proxecto de arqueoloxía social Terra Levis, que se desenvolve en Ávila. A continuación, a escritora e profesora Olga Novo falará sobre «Os guímaros. Memoria emocional e historia dos subalternos». Na última conferencia do programa, a adegueira Puri Díaz Ferreiro falará sobre «Medrar entre pataos».

As actividades previstas para o día 25 consisten en visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico do castro de Cereixa, ao casco antigo da Pobra do Brollón e ao conxunto de adegas centenarias de Vilachá de Salvadur. A inscrición nestas xornadas é gratuíta, pero as prazas para os asistentes están limitadas a trinta. Os interesados poden apuntarse escribindo ao correo difusion@consellodacultura.gal.

Na organización das xornadas, o Consello da Cultura Galega conta co apoio do Concello e da asociación veciñal de Cereixa, que promove o proxecto arqueolóxico que se desenvolve desde hai anos nesta parroquia.