«O castiñeiro é nativo do Courel, pero non se sabe desde cando existen os soutos»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Muñoz ten realizado investigacións sobre a vexetación antiga da serra a través de análises de pole fosilizado
Muñoz ten realizado investigacións sobre a vexetación antiga da serra a través de análises de pole fosilizado duvi

Muñoz dará unha charla sobre a historia da presenza desta especie na serra

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Castor Muñoz Sobrino, profesor de bioloxía vexetal da Universidade de Vigo, participará no quinto seminario Patrimonio Cultural do Courel cunha conferencia sobre a historia da presenza dos castiñeiros neste territorio. A súa charla ofrecerase o día 25 -ás 12.30 horas- na estación científica de Seoane. Muñoz ten realizado investigacións sobre a vexetación antiga da serra a través de análises de pole fosilizado.

-Sábese con certeza desde cando existen castiñeiros na serra do Courel?

-Os datos polínicos recollidos nas montañas galegas indican que as árbores do xénero Castanea están presentes neste territorio desde finais da glaciación, así que se pode afirmar con certeza que son nativas deste territorio desde esa época. O pole do castiñeiro ten aparecido en análises realizados nos depósitos de sedimentos da lagoa da Lucenza - no municipio de Folgoso do Courel- e do pozo do Carballal, en Pedrafita do Cebreiro. Tamén se ten encontrado nas turbeiras de Pedrafita e en lugares como Bañuelos -en León- e diversos puntos da cordilleira Cantábrica.

-Entón non os trouxeron os romanos, en contra do que se ten dito moitas veces.

-Non, porque hoxe en día está claro que aquí había castiñeiros desde o Holoceno, antes da introdución da agricultura. Os castiñeiros son oriúndos destes territorios e non foron introducidos polo home. Tampouco está nada claro que se cultivasen na época romana. Noutros lugares tense dito que puideron ser cultivados polos romanos, non para consumir o froito, senón para obter madeira para facer estacas para as vides e para outros usos, pero non hai evidencias suficientes como para afirmalo. O problema é que os sistemas sedimentarios son moi discontinuos no que se refire á Idade do Ferro e á época romana, e é moi difícil obter datos polínicos que nos permitan saber máis cousas sobre a presenza dos castiñeiros neses períodos.