Dedican un documental a divulgar o patrimonio lingüístico da Ribeira Sacra

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Valentín García ?segundo pola esquerda? presentou o filme xunto con Humberto Novoa, Lorena Gallardo e Mercedes Vázquez
Valentín García ?segundo pola esquerda? presentou o filme xunto con Humberto Novoa, Lorena Gallardo e Mercedes Vázquez CEDIDA

O filme «A verba viva» será difundido gratuitamente en Internet pola Consellería de Cultura

05 ago 2021 . Actualizado a las 20:50 h.

O patrimonio lingüístico da Ribeira Sacra é o eixo principal do documental A verba viva, que será difundido en Internet pola Secretaría Xeral de Política Lingüística -dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade-, que colaborou na súa realización. O filme foi presentado publicamente polo titular deste departamento, Valentín García, e por Lorena Gallardo, quen dirixiu o documental xunto con Humberto Novoa. No acto participou tamén Mercedes Vázquez, colaboradora da produtora Chantada Comunicación, responsable da realización do documental, que leva por subtítulo Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico.

Segundo explican os responsables de Política Lingüística, o filme -de algo más dunha hora de duración- foi gravado durante o pasado inverno en varios municipios da Ribeira Sacra repartidos entre as provincias de Lugo e Ourense. No proxecto colaboraron, entre outras persoas, o filólogo e profesor Anxo González Guerra, o contacontos e divulgador medioambiental Anxo Moure, o oleiro de Gundivós Elías González, o viticultor Primitivo Lareu, o carpinteiro Fernando Ibarra e Sonia Faria, guía do ecomuseo Pazo de Arxeriz. O proxecto contou ademais coa colaboración dos grupos musicais Searas e Gancho Sanches.

Durante a presentación, Valentín García apuntou que «a Ribeira Sacra é un dos nichos naturais, paisaxísticos, monumentais, turísticos e lingüísticos de Galicia e precisamente niso quere incidir este documental audiovisual que percorre os seus espazos máis emblemáticos incidindo especialmente nos seus valores culturais e lingüísticos». Desde o referido departamento engaden que o filme ten por finalidade recoller «unha boa parte das verbas singulares que definiron e definen a vida en forte pendente, o patrimonio, a paisaxe, a viticultura e as tradicións» e tamén «recuperar e divulgar a lingua e os termos propios do xeito de vida da ribeira» que son conservados por viticultores, artesáns e outros veciños deste territorio.

Dispoñible en aberto

O secretario de Política Lingüística precisou así mesmo que A verba viva estará dispoñible proximamente en aberto na web Portal da Lingua Galega «para consumo e divulgación de toda a cidadanía».