Vilachá de Salvadur achega 250 nomes de lugar á toponimia da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Nomes tradicionais da ribeira. No mapa da páxina web do proxecto Galicia Nomeada xa figuran os microtopónimos rexistrados pola asociación veciñal de Vilachá. Na imaxe aparecen varios lugares da ribeira do Sil identificados cos nomes conservados na tradición oral e nalgúns documentos históricos
Nomes tradicionais da ribeira. No mapa da páxina web do proxecto Galicia Nomeada xa figuran os microtopónimos rexistrados pola asociación veciñal de Vilachá. Na imaxe aparecen varios lugares da ribeira do Sil identificados cos nomes conservados na tradición oral e nalgúns documentos históricos

A Academia Galega valida os microtopónimos recollidos por veciños da parroquia

30 jul 2021 . Actualizado a las 12:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) acaba de validar un centenar de nomes de lugar tradicionais recollidos na parroquia de Vilachá de Salvadur -no municipio da Pobra do Brollón-, dentro do proxecto Galicia Nomeada, promovido por esta institución co obxectivo de rexistrar o maior número posible de microtopónimos en toda a comunidade. A recollida destes nomes correu a cargo do filólogo Xurxo Martínez, membro da directiva da asociación veciñal da parroquia, quen sinala que xa está preparada unha segunda entrega con cerca de 150 denominacións.

A maioría dos microtopónimos recompilados neste proxecto non pertencen a núcleos de poboación, senón que aluden a todo tipo de accidentes da paisaxe: terras de labor, mananciais, viñedos, camiños, bosques, outeiros, penedos... «En Vilachá hai moitos nomes deste tipo, como sucede en todas as parroquias galegas, e hai paraxes moi concretas situadas a só a cincuenta ou a vinte metros unha da outra que teñen cada unha a súa propia denominación», explica Martínez.

Unha peculiaridade de Vilachá -apunta por outra parte o filólogo- é que conta cunha abundante documentación histórica na que é posible localizar moitos dos microtopónimos conservados na tradición oral, o que permite probar que esas denominacións están asentadas desde hai centos de anos. «A sorte que temos é que tanto o mosteiro de Montederramo como o de San Vicente do Pino -en Monforte- tiveron posesións nesta parroquia e que se conservan moitos documentos de ambos conventos datados entre os séculos XII e XVI nos que podemos identificar eses nomes de lugar», di Martínez. Outra importante fonte histórica -engade- é o coñecido Catastro de Ensenada, elaborado no século XVIII. «Entre todos eses documentos conteñen cerca dun centenar de topónimos que hoxe seguen vivos na memoria dos veciños», precisa.