«A Ribeira Sacra promociónase con criterios de hai décadas»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Manuel Leiras é natural da Pobra do Brollón e veciño de Monforte
Manuel Leiras é natural da Pobra do Brollón e veciño de Monforte CRISTINA INCIO

Manuel Leiras, licenciado en historia, analiza nun traballo de fin de grado o proceso ideolóxico de construción deste territorio e o seu aproveitamento turístico

22 jul 2021 . Actualizado a las 20:26 h.

Licenciado en historia, Manuel Leiras Camino -natural da Pobra do Brollón e veciño de Monforte- presentou recentemente un traballo de fin de grado sobre «A construción da Ribeira Sacra» no que analiza a evolución do concepto deste territorio e a súa relación co patrimonio cultural, coas comunidades que o habitan e coa actividade turística.

-Cando aparece o concepto actual da Ribeira Sacra?

-Por un lado, é algo moi recente. É un concepto que parte da tradición rexionalista e tardorromántica do século XIX, pero cando se consolida é durante a ditadura franquista. Está relacionado cun tipo de turismo de interior que se fomentou sobre todo na época en que Manuel Fraga foi ministro de Turismo. É entón cando aparecen slogans como «Para comer, Lugo» e cando se presenta o mundo rural do interior como un lugar bucólico, pintoresco, poboado por xente antiga -antiga nun sentido tópico, é dicir, atrasada- onde o visitante pode disfrutar das paisaxes, do xantar, da caza e da pesca. Despois a Xunta deulle continuidade a este modelo, que en grande medida segue vixente na actualidade e que me parece nocivo.

-En que sentido?

-Porque é un modelo que non respecta o territorio nin as comunidades que viven nel. Non se ofrecen solucións para os problemas estruturais agrarios e demográficos que padece este territorio, que son moi graves, e ao mesmo tempo promóvese un estilo de turismo bastante caduco, con criterios de hai décadas, que consiste sobre todo no goce contemplativo da paisaxe, en xantar e beber. É un enfoque que non deixa de ser hipócrita, porque anima aos visitantes a gozar dunha paisaxe que está profundamente deformada polos encoros hidroeléctricos construídos durante o franquismo e por outras intervencións. As rutas de catamarán non poderían existir sen as masas de auga que crearon os encoros, pero esta paisaxe tan alterada preséntase como algo profundamente auténtico e xenuíno, o que é un contrasentido.