Un «acto expansivo» homenaxeará a Lois Pereiro en dezaseis lugares ao mesmo tempo

La Voz

LEMOS

Realización dun mural en homenaxe a Lois Pereiro nunha rúa de Monforte, en imaxe de arquivo
Realización dun mural en homenaxe a Lois Pereiro nunha rúa de Monforte, en imaxe de arquivo ALBERTO LÓPEZ

A iniciativa é promovida polo Ateneo Casino de Monforte e celebrarase o sábado

02 jun 2021 . Actualizado a las 18:01 h.

O poeta monfortino Lois Pereiro será homenaxeado este sábado cun «acto expansivo» que se celebrará simultaneamente —a partir das 12.30 horas— en dezaséis lugares de Galicia e de fóra da comunidade. A iniciativa é impulsada polo Ateneo Casino de Monforte, onde se celebrará un acto coa participación dos escritores Olga Novo e Antón Lopo, o músico Gonzalo Herrero e o realizador audiovisual Manuel Valcárcel. A entrada é libre, pero hai que efectuar unha reserva no teléfono 648 435 033.

Os demais actos que se celebrarán en diferentes localidades —segundo apuntan os promotores da iniciativa— «terán distintas características en función dos lugares ou organizadores, desde os máis simbólicos ata os máis festivos, máis solemnes ou máis punkies». No sur da provincia lucense tamén se celebrarán actos no cemiterio da parroquia de Santa Cristina de Viso —no municipio do Incio, onde está a sepultura do poeta—, Parada do Courel e a parroquia de Salcedo, na Pobra do Brollón.

Os restantes actos previstos para esta xornada terán lugar en Sarria, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Allariz, Celanova, Lalín, Carballo, Santiago, Ourense, Fisterra e Barcelona. Os responsables do Ateneo Casino sinalan que levaban tempo traballando nesta iniciativa —que se encadra nos actos conmemorativos do 25 aniversario do pasamento de Lois Pereiro, e que a celebración estaba prevista inicialmente para unhas datas anteriores pero tivo que ser adiada debido á situación de crise sanitaria. A presidenta da entidade, Loreto González Cabanas, considera que a adhesión de numerosas asociacións culturais a esta homenaxe «demostra o enorme interese que desperta a figura de Lois e o agarimo con que é recibida a súa obra polas novas xeracións».