«Os meus relatos baséanse en historias reais da Ribeira Sacra»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Moncha Prieto é natural da parroquia soberina de Gundivós
Moncha Prieto é natural da parroquia soberina de Gundivós CEDIDA

A escritora soberina Moncha Prieto asinará o luns en Monforte exemplares do seu libro «Alma de barro»

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural da parroquia de Gundivós, en Sober, Moncha Prieto asinará o luns na librería Agrasar de Monforte de Lemos -entre as 12.00 e as 14.00 horas- exemplares do seu libro Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra, publicado por Edicións Xerais e prologado polo escritor e profesor Basilio Losada. É a súa primeira obra en solitario, aínda que anteriormente colaborou en varios libros colectivos e revistas literarias. Entre 1985 e 1995 traballou en Barcelona no mundo da radio e participou na creación da asociación Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña.

-O título do seu libro alude á tradición oleira de Gundivós?

-Si e non. Aínda que o barro é moi importante en Gundivós e eu recordo esa tradición desde nena, o título do libro alude máis ben ao carácter modelable e dúctil do barro. Quixen tamén significar que escribín os meus relatos partindo de pequenas cantidades de materiais humildes, como fan os oleiros.

-De que tratan as súas historias?

-Todos os relatos deste libro están baseados en feitos reais que aconteceron en diversos lugares da Ribeira Sacra. Baseeime en cousas que sucederon realmente, é unha literatura realista, pero é tamén unha obra de ficción na que a imaxinación ocupa un lugar moi importante. Dependendo do relato que se trate, a realidade pode supor un 90% do que se conta, ou un 50% ou un 20%, por dicilo así, e o resto é imaxinación. Pero en todo caso sempre hai unha base real.

-Os relatos están ambientados na época actual ou suceden noutros tempos?

-Están situados principalmente no pasado, aínda que algúns relatos suceden en diferentes épocas. Por exemplo, un dos contos -que está ambientado en Monforte- comeza en torno ao ano 1800 e pico e termina na época actual. Hai outros relatos que suceden nos tempos da posguerra... Basilio Losada di no prólogo que as miñas historias pretenden rescatar un mundo que se foi, e esa é precisamente a miña intención. O que quixen foi recuperar historias da xente común que non están escritas nos libros de historia e que se conservan unicamente na tradición oral. Para escribir estes relatos fixen unha investigación persoal e algunhas das historias que conto sucedéronlles ás propias persoas que mas contaron. Noutros casos non son experiencias propias desas persoas, senón que se trata de cousas que elas oíron contar a outros.

-Ten previsto escribir máis obras sobre a Ribeira Sacra?

-Si, e de feito sigo documentándome e recollendo historias destas terras coa idea de escribir novos relatos.

-A tradición das emisións en galego en radios de Cataluña, que axudou a manter, segue viva hoxe en día?

-Unha parte da xente que participou nesas emisións cando eu vivía en Barcelona está agora de retorno en Galicia, como é o meu caso. Pero aínda sigue habendo xente que anima esas emisións. Son persoas novas que pertencen xa a unha terceira xeración de emigrantes galegos en Cataluña, e é moi interesante que despois de tanto tempo sigan mantendo unha vinculación coa cultura e a lingua de Galicia.