«Neste libro vese un Lois Pereiro máis alá do estereotipo de poeta maldito»

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Héctor Cajaraville é escritor e profesor de instituto
Héctor Cajaraville é escritor e profesor de instituto ManuelGVicente

O escritor e profesor Héctor Cajaraville encargouse de editar os cadernos póstumos do escritor monfortino

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e profesor compostelán Héctor Cajaraville encargouse de preparar a edición de Cadernos persoais, libro póstumo do poeta monfortino Lois Pereiro que será presentado o día 24 -o horario aínda está por determinar- no Ateneo Casino de Monforte de Lemos. O acto coincidirá co 25 aniversario do falecemento de Pereiro, a quen se dedicou hai unha década o Día das Letras Galegas. Cajaraville, que tiña 22 anos cando morreu Pereiro, non chegou a coñecer persoalmente ao poeta.

-Como chegou a encargarse da edición desta obra?

-Foi un proceso que comezou hai dez anos, cando desde Edicións Xerais de Galicia me avisaron de que Xosé Manuel Pereiro, o irmán do poeta, lles presentara varios cadernos inéditos seus para valorar a posibilidade de publicalos. Propúxeronme facer o traballo de transcrición e edición deses manuscritos e fíxeno xa daquela, pero Edicións Xerais non chegou a publicar o libro e quedou inédito ata agora. Hai pouco tempo contactou comigo a editorial Chan da Pólvora para dicirme que agora tiñan eles os dereitos da obra e para ver se eu tería algún impedimento en que se publicase tal como a preparei. Por suposto que estou encantado de que por fin saia á luz. Síntome moi honrado de ter feito este traballo e para min foi un privilexio ler eses textos tal como el os escribiu.

-Foi un traballo complicado?

-Foi complicado polo soporte e pola forma en que están escritos os textos. O libro recolle, por unha parte, varios cadernos de notas que Lois Pereiro escribiu entre 1989 e 1993, en boa parte durante unhas viaxes que fixo por Francia, Alemaña, Bélxica e o Reino Unido. Por outro lado, inclúe textos que escribiu nunha axenda entre xaneiro e abril de 1996, ata moi pouco antes da súa morte. Coa axenda non houbo problema, pero foi difícil transcribir o contido dos cadernos, nos que hai cousas moi variadas: reflexións de todo tipo, aforismos, ideas para relatos ou poemas, poemas enteiros, frases extraídas de obras literarias, cancións ou películas... Ademais, Lois Pereiro foi escribindo estes cadernos en moitos sitios diferentes -como bares ou trens- e ás veces a letra non se entende moi ben. Por outra parte, os textos están escritos en galego, castelán, inglés, francés e alemán, tanto os que reproducen citas como os que son da súa propia creación. Ademais de transcribir os manuscritos, engadín moitas notas para contextualizar o mellor posible esas citas e referencias culturais. Iso deume moito traballo e ás veces necesitei axuda doutras persoas. Nalgunha ocasión pasei un día enteiro tratando de esclarecer o significado dunha soa palabra.

-Consultou aos familiares ou amigos de Lois Pereiro para levar a cabo este labor?

-Consultei sobre todo ao seu irmán, que quería saber tamén a miña opinión sobre se eses textos tiñan suficiente interese e calidade literaria para ser publicados. Eu vinlle unha unidade a todo o texto e penso que si ten un valor literario, que se ve claramente que o poeta está detrás deses escritos. Tamén ten un valor testemuñal importante, porque nestes cadernos están algúns dos últimos textos que escribiu, incluso no mesmo mes en que morreu.

-Cre que este libro axuda a entender mellor o conxunto da súa obra?

-Si que axuda, porque dá unha imaxe máis completa da súa personalidade. Neste libro vese a persoa real que hai detrás do personaxe, o Lois Pereiro máis persoal, máis alá do estereotipo de poeta maldito e atormentado polas súas doenzas, unha imaxe que aínda persiste aínda que o Día das Letras Galegas que se lle dedicou no 2011 axudou a dar unha visión máis axustada. Nestes cadernos percíbese unha personalidade vitalista a pesar de todo, interesada en moitas cousas, con sentido do humor... É algo moi diferente da imaxe do poeta perpetuamente atormentado e angustiado que o acompañou moito tempo.

-Visitou Monforte para coñecer os lugares que frecuentaba o poeta?

-Visitei Monforte varias veces, pero non por ese motivo, porque non o considerei necesario para un traballo deste tipo. Non se trataba de escribir unha biografía de Lois Pereiro, senón de editar uns manuscritos inéditos, polo que non era necesaria esa contextualización física.

«É unha figura que segue sendo fascinante para a xente nova»

Profesor de lingua e literatura no ensino secundario, Héctor Cajaraville considera que a obra de Lois Pereiro ocupa un lugar singular na tradición literaria galega.

-Como cre que se ve hoxe en día a figura de Lois Pereiro?

-É unha figura que non perdeu vixencia e que segue sendo fascinante para a xente nova. Podo comprobalo como profesor de instituto, porque utilizo algúns textos seus como material de aula e vexo que é capaz de cativar aos alumnos de hoxe en día. Aínda que a súa obra está moi relacionada coa época en que viviu, transcende esa época concreta e segue despertando interese.

-Que papel pensa que ocupa no contexto da literatura galega?

-Deixou unha obra moi importante e singular, e sen dúbida o Día das Letras Galegas que se lle dedicou no 2011 está máis que xustificado. No seu momento houbo xente que non pensou así, que creu que se lle fixo esa homenaxe só por estar moi relacionado cunha certa estética e para que a xente novas se interesase máis pola literatura galega. Pero eu penso que a súa obra ten un valor literario indiscutible, algo que non se pode dicir de todos os que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas.