O hotel Olympus Palace será unha burbulla para os equipos

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A fase final de Salou disputarase baixo a fórmula de burbulla tanto no hotel como no pavillón. Os equipos terán que facer a principios desta semana que entra test de antíxenos, que repetirán unha vez cheguen ao hotel. Ninguén da expedición poderá ter contacto co exterior, nin saíndo do hotel nin pedindo comida de fóra, nin tampouco recibir visitas.

O autobús que traslade do hotel ao pavillón é unicamente para os compoñentes do equipo que estean dentro da burbulla. Os equipos sairán do círculo restrinxido unha vez remate a competición sen ningún tipo de test.

No caso de haber algún positivo no primeiro test, o equipo poderá elixir entre renunciar a participar na fase final ou ben facer unha PCR 48 horas despois ao positivo e previo á viaxe á fase. Se o positivo é no segundo test, quedará fóra da fase final sen a posibilidade de viaxar a sede e sen ser substituído. Se o positivo é no test de chegada á sede quedará fóra da fase final sen ser substituído, illándoo para que faga a viaxe de regreso en solitario nun coche conducido por un chofer vacinado. O resto da expedición poderá facer a viaxe no autobús no que foron.