«Preocupación segue habendo, pero a xente xa vai máis a misa que o ano pasado»

Carlos Cortés
CArlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O párroco Rafael Mella, na misa de San Brais desde ano na igrexa parroquial da Régoa
O párroco Rafael Mella, na misa de San Brais desde ano na igrexa parroquial da Régoa CARLOS CORTÉS

As parroquias celebran a segunda Semana Santa con restricións

06 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafael Mella é o sacerdote responsable da parroquia da Régoa. Desde a marcha á Coruña dos Escolapios que quedaban en Monforte, a da Régoa é unha parroquia con dúas igrexas, a súa tradicional e máis a da Compañía. Igual que o resto dos párrocos, Rafael Mella leva máis dun ano lidiando coas limitacións que impón a pandemia no labor parroquial. Agora está en plena celebración da Semana Santa, a segunda con restricións para evitar contaxios, e cre que os fieis están menos cohibidos que antes á hora de asistir aos oficios relixiosos.

-Como está a ser este ano a celebración da Semana Santa en Monforte?

-Estanse facendo os oficios tradicionais destas datas, pero adaptados á situación actual: coa capacidade do interior das igrexas limitada, máscara obrigatoria e distancias. E sen procesións, que están prohibidas. O Domingo de Ramos xa non se fixeron as procesións por fóra. Bendicíronse os ramos dentro da igrexa e fixéronse as misas igual, pero sen procesión. No Xoves Santo tivéronse os oficios normais, só que non se puido ter o lavatorio dos pés, algo propio dese día. O Venres Santo tamén con normalidade, salvo o momento da adoración da cruz, que normalmente se achegaba cada persoa para bicala e esta vez resolveuse con cada fiel facendo unha inclinación de cabeza desde o lugar no que estea. E a vixilia pascual do sábado pola noite que na Régoa acostumabamos a facer ás once, esta vez cambiamos de horario e movímola para as oito. É unha cerimonia un pouco longa e a xente ten que estar nas súas casas ás dez. E a liturxia do sábado tamén tivo algunha diferenza, porque o tradicional era encher de auga a pía bautismal e que a xente levase unha pouca para a súa casa. Este ano tiveron que traer cada uno o seu cacharriño de auga individual para a cerimonia.

-E o Martes de Pascua?

-Este martes imos ter misa ás once e é de supoñer que asistan o alcalde e o resto das autoridades municipais. O que pasa é que non pode haber procesión. Ese día é cando se fai a bendición dos campos, que habitualmente é na capela da Virxe, pero esta vez terá que ser na porta da igrexa da Régoa.

-Nota cansazo entre os fregueses por todo este tempo de restricións?

-Nun primeiro momento, cando comezou todo isto, houbo un baixón moi grande na asistencia ás igrexas. A xente estaba moi cohibida e preocupada. Agora xa acoden un pouquiño máis. Preocupación segue habendo, pero a xente xa vai máis á misa presencial que o ano pasado. Hai persoas que o seguen a través da televisión e incluso polas retransmisión que facemos a través da conta de Facebook da parroquia. En canto a se hai cansazo, a verdade é que hai xente á que lle custa aceptar todas estas cousas, pero recoñecen que a realidade é a que é. Entre a xente que acode habitualmente ás igrexas hai moitas persoas de idade avanzada, que entenden ben os riscos que corren e saben que cómpre adoptar precaucións.

-Os fieis estarán desexando que volva a normalidade tamén nas igrexas.

-Todo o mundo está desexando a volta á normalidade. Se teño que falar por min, para min como sacerdote todo iso é unha lea terrible. Van chegar os meses de maio, xuño... un tempo no que habitualmente se celebraban moitas vodas, bautizos e comuñóns, pero estas nunha situación de provisionalidade que o ten todo no aire. Hai quen xa aprazou vodas e outras cerimonias para o ano 2022.

-Cando todo acabe van ter un atasco considerable de vodas aprazadas.

-Pois é posible que si. [risas]

Martes de Pascua na súa data

A tradición relixiosa marca que Monforte debe render homenaxe cada Martes de Pascua á Virxe de Montserrat, un costume institucionalizado que se remonta ao século XV e na que o alcalde se compromete a seguir celebrando as festas da cidade o 16 de agosto. O ano pasado non houbo nin misa, nin procesión nin tampouco renovación dos votos o Martes de Pascua, senón que a parroquia e o Concello decidiron trasladalo todo ao 1 de xullo. Este ano será na súa data, pero volverase celebrar na igrexa da Régoa, porque a de San Vicente segue en obras, igual que o ano pasado.