O Oso de Salcedo nunca se vira tan só

Así foi na Ribeira Sacra o entroido que non se puido celebrar: o Oso de Salcedo e os volantes de Chantada fixeron saídas simbólicas e algúns concellos organizaron concursos de disfraces por Internet

O Oso de Salcedo nunca se vira tan só como na súa saída deste ano, simbólica e sen xente
O Oso de Salcedo nunca se vira tan só como na súa saída deste ano, simbólica e sen xente

Monforte / La Voz

"Toda precaución é pouca e cremos que é mellor un ano sen entroido que non estar nos próximos". Así avisaban os organizadores do Entroiro Riberao de Chantada que este ano non habería festa, pero podería valer para calquera das outras convocatorias típicas destes días. A pandemia de coronavirus chegou o suficientemente tarde como para permitir que se celebrase o carnaval do 2020, pero fixo imposible o do 2021. Nin as coloridas máscaras do Entroido Ribeirao, nin o Oso de Salcedo e as súsa gadoupas pestilentes, nin os desfiles de comparsas de Monforte, Chantada, Escairón, Quiroga , Sober, Ferreira de Pantón, A Pobra do Brollón e todos as demais localidades que o celebran... nada disto convocou este ano multitudes nas rúas. Pero iso non quere dicir que houbese entroido. Hóuboo, pero simbólico e visible unicamente a través de Internet. Así se viviu no sur de Lugo o entroido que non se puido celebrar.

Os organizadores do Entroido Ribeirao de Chantada foron os primeiros en anunciar, xa o 6 de xaneiro, que este ano non habería celebración. Querían deixalo claro con tempo para que ninguén tratase de visitar a parroquia de Santiado da Riba nalgún dos tres primeiros domingos de febreiro marcados no que tiña que ser o calendario de carnaval do 2021.

Captura dun vídeo dunha representación caseira de oficios do Entroido Ribeirao feita nunha casa e difundida a través de Internet
Captura dun vídeo dunha representación caseira de oficios do Entroido Ribeirao feita nunha casa e difundida a través de Internet

En realidade, algo si que houbo, pero foi unha festa pequena, algo para que quedase constancia, para que o rito dos volantes e o pucho nas hortas non quedase sen se facer. O Domingo de Entroido saíron un número mínimo de máscaras e con todas as precaución. Tamén se celebraron os oficios, as representacións satíricas características desta festa, pero interpretadas nas casas e gravadas en vídeos publicados despois nas redes sociais. O confinamento necesario para conter a pandemia deixou ademais unha estampa inédita, a dun volante facendo soar o seu cinto de campanillas polas rúas da localidade catalana de Masquefa, grazas a unha familia de residentes nese municipio que son oriundos de Chantada e que este ano non tiveron maneira de vir participar do seu entroido.

Na asociación de veciños de Salcedo tiñan a principios de xaneiro dúbidas sobre se celebrar ou non entroido tradicional máis peculiar e concurrido da comarca de Lemos. Finalmente, non convocaron ningunha actividade con público. Este luns si que saiu o Oso, pero el só. Así o explican na asociación de veciños desta parroquia da Pobra do Brollón: "Baixou o Oso só. Baixou ao calado para ser responsable. Baixou para dicirlles ás veciñas e veciños que chega a primavera e, aínda que este ano non puidesen ofrecérselle, el vai cumprir o trato e traer as boas colleitas". O Oso deixouse ver este luns ás cinco da tarde, o seu día e á súa hora, pero non había practicamente ninguén para velo.

Onde non queda entroido tradicional celébranse todos os anos, menos este, os tamén clásicos desfiles de comparsas. En moitas localidades fanse os domingos, noutras como Monforte ou Escairón o martes. En Monforte, tocado desde mediados de xaneiro por un importante brote de coronavirus, todo o mundo tiña claro desde hai tempo que este ano non habería desfile, e así o anunciou no seu momento o Concello. Este ano en Monforte non se viu máis carnaval que o que puxeron moitos nenos que non renunciaron a disfrazarse, aínda que só fose para dar un paseo.

Participantes no concurso de disfraces organizado polo Concello de Bóveda a través de Facebook
Participantes no concurso de disfraces organizado polo Concello de Bóveda a través de Facebook

Houbo concellos que optaron por tratar de manter algo do espíritu destas festas a través de Internet. No Saviñao e en Bóveda, por exemplo, organizaron concursos de disfraces a través de Facebook.

O Entroido do Cabe, unha festa a recuperar.... pero mellor o ano que vén

A asociación Segredos de Pantón quere recuperar o Entroido do Cabe, as festas populares que se celebraban hai pouco nestas datas nas parroquias de San Fiz de Cangas, Frontón e San Romao de Acedre. Non era este o ano máis propicio, pero na asociació recurriron tamén a Internet e as súas redes sociais para divulgar este traballo de recuperación que quizais poder ser o primeiro paso para que o Entroido do Cabe reviva. O que fixeron este ano foi recrear os disfraces habituais desta festa nestas parroquias, todas situadas na ribeira do Cabe, e divulgar vídeos e fotografías a través de Internet. Os nomes das máscaras típicas deste entroido son os seguintes, apunten para outros anos: farranquí, farramplán ou meco, o rei deste Entroido, vestido con trapos vellos, con cencerros na cadeira e cunha barra na man e caldeiros con cinsa; e van de branco, dama e cabaleiro ou mázcaras, que vestían roupa branca, eles con pantalóns feitos con fundas de almofada e elas con saias longas confeccionadas con sabas, e con sombreiros de formas cónicas e bandas de cores os homes e chapeus masculinos de pano forrados de branco e un tapete de cores as mulleres.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Oso de Salcedo nunca se vira tan só