«Se non fose polo cribado, case todos os positivos seguirían en clase»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Carlos Parada (de pé, á dereita), nunha clase no instituto Río Cabe
Carlos Parada (de pé, á dereita), nunha clase no instituto Río Cabe

Este instituto monfortino é o segundo de Galicia con máis contaxios

28 ene 2021 . Actualizado a las 09:46 h.

O Río Cabe é nestes momentos o segundo instituto de Galicia con máis casos de coronavirus entre estudantes e profesores. Nas últimas dúas semanas deron positivo 24 estudantes ou profesores deste centro educativo. É o gromo numericamente máis importante dos que se rexistraron nos centros educativos da mitad sur de Lugo desde a declaración do estado de alarma en marzo do ano pasado. Carlos Parada é o director deste instituto e pensa que a razón fundamental de que aparecesen tantos casos é a realización dos cribados que pedíu o centro.

-Como lles está afectando esta sucesión de novos contaxios? Teñen clases pechadas?

-Non, nin sequera en cuarto da ESO, que é o curso máis afectado. Estamos dando clases presenciais en todos os grupos nos que hai estudantes ou profesores que deron positivo. Os que están pasando cuarentena nas súas clases seguen a actividad lectiva por vía telemática.

-Por que hai tantos contaxios nese instituto?

-Non o sei, haberá que analizalo cando pase todo isto. O primeiro positivo tivo síntomas na casa e xa non veu a clase. Á semana seguinte aparece un segundo caso con síntomas. Foi cando soubemos da cantidade de contactos estreitos que resultou ter este segundo afectado que decidimos desde a dirección do instituto pedir a Sanidade un cribado completo a todas as clases de cuarto da ESO e de segundo de BAC. Eu penso que se temos tantos casos é porque se detectaron grazas ao cribado.

-É dicir, que se se fixesen cribados así de grandes noutros colexios ou institutos tamén aparecerían moitos casos?

-Non pretendo dicir iso. Eu non teño que falar doutros centros, pero no noso caso a práctica totalidade dos positivos son asintomáticos. Se non se chegan facer os cribados, case todos os positivos seguirían indo a clase e sen saber que teñen o virus. Desde este punto de vista, eu penso que os centros educativos están sendo lugares de detección da enfermidade máis que de contaxio.

-Pensa que os contaxios se produciron fóra do instituto.

-Hai que velo cando pase isto. Durante o primeiro trimestre os protocolos funcionaron, de maneira que fóra había poucos contaxios e nós tamén tivemos poucos casos. Hai moitas actividades fóra dos centros nas que os alumnos coinciden uns cos outros.

-Sabe se hai algún profesor ou alumnos con síntomas graves da enfermidade?

-Eses son datos que eu non debo dar.

-Contan con que aparezan moitos máis casos?

-Ademais dos primeiros cribados de cuarto de ESo e primeiro de BAC, a semana pasada pedimos tamén outro para primeiro de BAC e sabemos que o fixeron esta fin se amana. Penso que como mínimo unha parte importante destas últimas probas aparecen xa no listado de casos que se fixo público este martes [con esta actualización o IES Río Cabe pasa a 24 casos activos, oito máis dos que tiña o venres]. En todo caso, eu penso que esta vai ser unha dinámica constante que vai continuar polo menos durante o que queda deste trimestre. Non creo que se vaia cortar de golpe. Na sociedade tampouco parece estarse cortando e nós somos reflexo do que pasa fóra.