Lemos: As árbores senlleiras, un novo recurso turístico para o 2021
A Xunta publica unha guía con itinerarios para visitar árbores monumentais da Ribeira Sacra e outros territorios próximos
monforte / la voz
As árbores senlleiras da Ribeira Sacra e de varios territorios próximos protagonizan unha guía turística editada pola Xunta que foi presentada onte en Carballedo pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. A publicación comprende seis rutas que permiten visitar sete árbores singulares dúas formacións boscosas -todas elas incluídas no catálogo de árbores senlleiras da Xunta- que están repartidas en once municipios do sur da provincia de Lugo e do norte de Ourense.
Segundo afirmou a conselleira, a guía «permite a quen viaxa planificar e gozar da experiencia de coñecer distintas paraxes seguindo a pegada destes elementos naturais ao tempo que potenciamos a súa conservación a través da divulgación dos valores naturais que os fixeron merecedores deste distintivo».
Estas rutas -sinalan por outro lado desde a Consellería de Medio Ambiente- pódense realizar a pé, en bicicleta ou en automóbil. «Para cada unha delas achégase información esencial, como a distancia, punto de orixe e destino, percorrido e puntos de interese, así como unha pequena historia e detalles históricos sobre a localización ou a súa contorna», engaden. A publicación tamén ofrece informacións sobre aspectos culturais, turísticos e gastronómicos dos territorios polos que discorren os diferentes itinerarios e enderezos de páxinas web onde os visitantes poden ampliar esa información se o desexan.
A continuación detállanse as rutas incluídas nesta guía, as árbores e formacións vexetais que se poden visitar en cada unha delas e os municipios por onde discorren os itinerarios.
Camiñando pola historia. Esta ruta comprende os carballos da Casa Grande e do pazo de Cartelos e a devesa de Cartelos, todos en Carballedo.
Unha ruta polos carballos. O itinerario pasa polos carballos coñecidos como Grande do Mestre, Casa do Herdeiro, Grande de Bustelo de Abaixo -en Carballedo- e Ramos, en Taboada.
Rondando entre castiñeiros. Nesta ruta pódense visitar os castiñeiros de Trambolosríos, en Parada de Sil, e do souto da Ramiga, en Nogueira de Ramuín.
En busca da aventura. Esta proposta comprende o amieiro do pazo de Maside -en Pantón-, o freixo de folla estreita de Montepando -en Monforte-, a sobreira da Casa do Tristo -na Pobra do Brollón- e o teixo de Cereixido, en Quiroga.
Polos montes do Courel. As árbores incluídas nesta ruta son o castiñeiro do Val da Fonte e o souto da Ruibal, ambos no municipio de Folgoso do Courel.
Unha ruta botánica. Este itinerario pasa polo ciprés mediterráneo da capela do Salvador, en Samos, e o ciprés de Lawson da Casa da Pobra, no Incio.
Comentarios