«Xela foi sempre moi traballadora en todas as cousas que facía»

A nai da protagonista do próximo Día das Letras Galegas sinala que se iniciou no mundo da literatura desde a infancia

Amparo Castaño recolleu no 2017 en nome do seu marido Valentín Arias o premio O Caxato, concedido pola asociación Xermolos e as irmandades Manuel María e Avelino Pousa Antelo
Amparo Castaño recolleu no 2017 en nome do seu marido Valentín Arias o premio O Caxato, concedido pola asociación Xermolos e as irmandades Manuel María e Avelino Pousa Antelo
f. albo
lugo / la voz

O pasado 22 de decembro, Amparo Castaño, viúva do escritor Valentín Arias e nai da poeta Xela Arias, soubo que a Real Academia Galega acordou por unanimidade dedicar á súa filla o Día das Letras Galegas do 2021. A familia reside en Vigo desde que a falecida escritora tiña sete anos, pero sempre mantivo unha estreita relación con Sarria, de onde procede.

-Como recibiu a nova a súa familia?

-Con moita sorpresa, porque é algo moi importante, e estamos moi contentos e satisfeitos de que a escollesen a ela. Hai tempo que se rumoreaba que lle poderían dedicar a Xela o Día das Letras Galegas, pero mentres a Academia Galega non o di non se pode saber nada, e non deixou de ser unha sorpresa. Foi a propia academia a que nos avisou e despois tivemos moitas chamadas de felicitación de moitos lugares.

-Os académicos destacaron a renovación que supuxo para a poesía galega da década dos 80, pero tamén o labor que desempeñou no eido da tradución e da edición.

-Ela era moi traballadora e moi responsable en todas as cousas que facía. Na poesía foi unha rompedora, comezou a escribir e a publicar sendo moi xove. Despois empezou coas traducións e implicouse moito nese labor. Traballaba moitísimo e era moi perfeccionista.

-Como se iniciou Xela Arias no mundo da literatura?

-Seu pai, Valentín Arias, tamén escribía e nós xa tiñamos unha biblioteca grande cando ela era pequena. De nena vía ao pai lendo e escribindo e ela tamén sempre leu moito. E despois había amigos escritores que tamén influíron moito, como Manuel María, que viña moitas veces á nosa casa. Nós tamén íamos visitalo e parabamos na súa casa sempre que íamos a Vigo. Manuel María regaláballe libros infantís, por exemplo O principiño, ao que lle puxo unha dedicatoria para Xela. Tamén tiñamos moita relación con Uxío Novoneyra e en Vigo tratabamos con Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, con moita xente do mundo das letras. E a ela algo se lle pegou de todo iso.

-Aparte da súa importancia como escritora, que recorda dela como persoa?

-Era moi sensible con todos os problemas da sociedade e sentía moito todos os acontecementos. Por iso implicouse en moitas cuestións, como cando a guerra do Iraq, cando tivemos en Galicia o naufraxio do Prestige ou cando había que axudar á xente sen recursos. Ela nunca estivo asociada a ningunha organización, sempre ía por libre, pero estaba metida en todo. Sempre estaba disposta a traballar no que ela considerase xusto, axudando a redactar comunicados ou ao que fose. Sempre a estaban chamando para participar en iniciativas dese tipo.

-Ela tamén estivo moi vinculada a Sarria?

-Si, como toda a familia, porque aí están as nosas raíces. Cando aínda vivían meus pais e meus sogros, porque somos todos de alí, íamos cada pouco tempo a Sarria. Conservamos alí unha casa e imos de visita practicamente todos os meses.

-Este ano vai ser moi emotivo para vostede.

-Vai ser moi emocionante e moi bonito ver as homenaxes que lle van facer, aínda que de momento non sei moi ben o que están preparando. O que teño entendido é que lle van dedicar unha exposición na Cidade da Cultura de Santiago, que se van editar de novo algúns dos seus libros, como Darío a diario, e que se publicarán traballos sobre a súa obra.

Unha familia sarriá fondamente comprometida coa cultura galega

A poeta Xela Arias Castaño era filla de Valentín Arias López -nado en Sarria en 1934 e falecido no 2011-, que desenvolveu unha ampla actividade como ensaísta e especialmente como tradutor de obras literarias ao galego, un terreo no que publicou máis de medio centenar de obras. O escritor foi tamén profesor e director da escola primaria da Granxa de Barreiros e dirixiu explotacións hortofrutícolas en Chantada e Outeiro de Rei. No 2001 publicou xunto con Avelino Pousa Antelo unha biografía do empresario e filántropo Antonio Fernández López, fundador de Granxa de Barreiros e do colexio Fingoi de Lugo. No 2014, a Asociación de Escritores en Lingua Galega instalou unha placa conmemorativa na casa da localidade de Vilerma -na parroquia sarriá de Maside- onde viviron Valentín e Xela Arias.

 

unha vida breve e unha obra extensa

Nacida en 1962 e finada no 2003, Xela Arias publicou en 1986 o seu primeiro libro de poesía, Denuncia do equilibrio. Máis tarde apareceron os libros Tigres coma cabalos e Darío a diario. O seu último poemario publicado en vida foi Intempériome, aparecido en xullo do 2003. A súa obra poética completa publicouse no 2018 baixo o título Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias publicou tamén numerosas obras literarias traducidas do inglés, do francés, do italiano, do neerlandés, do portugués e do castelán, algunhas en solitario e outras en colaboración con outros tradutores. No 2004 apareceu un libro de homenaxe no que colaboraron diversos escritores e no 2018 creouse un premio de traducións literarias ao galego que leva o seu nome

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Xela foi sempre moi traballadora en todas as cousas que facía»