«Uso personaxes dos contos infantís, pero cunha perspectiva adulta»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Pili Sánchez con exemplares dos seus dous libros
Pili Sánchez con exemplares dos seus dous libros ROCÍO RODRÍGUEZ

Sánchez debuta como autora literaria cun poemario e un libro de relatos

09 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A monfortina Pili Sánchez acaba de debutar como escritora coa publicación simultánea de dúas obras literarias, o poemario De vida, morte, amor e indiferenza e o libro de relatos Estamos de conto. Ambas obras foron publicadas pola editorial Peruchela Edicións -fundada recentemente en Monforte pola libreira Rocío Rodríguez- e están ilustradas por Anabel Álvarez.

-Non é moi habitual darse a coñecer con dous libros publicados ao mesmo tempo.

-Nunca publicara nada ata agora, pero sempre me gustou moito escribir e teño moito material escrito. Quería que o meu primeiro libro publicado fose de poesía, e de feito o que se editou en primeiro lugar foi o poemario, pero grazas á miña editora tiven a oportunidade de publicar tamén un libro de contos.

-Por que o libro de poemas ten unha sinatura diferente na portada, Lin San Mar?

-É un seudónimo que compuxen con anacos do meu nome e apelidos, Pilar Sánchez Martínez. Foi un pouco por broma, porque houbo quen me dicía que o meu nome non é moi comercial para publicar libros, xa que hai moitas persoas que se chaman Pili Sánchez. Pero aínda así non quero renunciar ao meu nome. O seudónimo só figura na portada do libro e no interior aparece o meu nome verdadeiro.

-De que trata este poemario?

-É unha obra curta, pero creo que con moito contido, polo menos para min. É un libro moi persoal e intimista, que reflicte principalmente as miñas vivencias durante un período de transición na miña vida. Aínda que ten un carácter moi persoal, penso que aborda temas universais, porque o me sucede a min pasálle a moita outra xente. Os poemas inspíranse na súa maioría en persoas que eu coñezo e tamén tratan de asuntos moi coñecidos para o todo o mundo. Un deles fala da violencia sexista, pero non desde o punto de vista de vítima, senón desde o punto de vista de alguén que é testemuña desa situación. As vítimas da violencia sexista non son só as persoas que a sufren directamente, senón tamén todos os que as rodean.

-E o libro de contos?

-Esta formado por sete relatos, dos que tres están relacionados entre si e forman como unha triloxía. Non se dirixe a ningún público en especial e creo que pode ser lido tanto por nenos como por adultos. Nestes relatos utilizo personaxes típicos dos contos infantís, pero desde unha perspectiva adulta. Abordan cuestións actuais, como a crise económica, e tamén hai pinceladas sobre a sociedade galega. Cando escribía estas historias pensaba que lle gustarían á miña filla, que nese momento estaba na preadolescencia.

-O seu labor profesional ten algunha relación coa literatura?

-Non son licenciada en filoloxia galega, nin ensino literatura nin nada parecido. Estudei maxisterio e ciencias humanas e tamén son licenciada en xeografía e historia. Unha influencia importante que hai nas cousas que escribo é que traballei como educadora de nenos con necesidades educativas especiais. A relación con estes nenos tivo moito influxo en min, porque teñen unha maxia moi singular.

-Como foi a súa colaboración coa ilustradora dos seus libros, Anabel Álvarez?

-Para min foi unha experiencia moi bonita, porque somos amigas desde a infancia. Ela leu os libros e foi facendo as ilustracións durante os meses do confinamento. Durante ese tempo non nos podíamos ver en persoa, pero mostroume os seus traballos a medida que os ía facendo e comentábamolos entre as dúas.