A escaseza de castañas secas impide reutilizalo para elaborar fariña
29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A asociación veciñal e cultural da localidade de Vieiros -no municipio de Quiroga- completou hai tempo a restauración dun muíño fariñeiro tradicional que se encontraba en estado de ruína. Ademais de recuperar un importante elemento do patrimonio local, a intención deste colectivo é darlle un novo uso e, de ser posible, obter con el algún beneficio económico. Unha das ideas da asociación é utilizar o muíño para elaborar fariña de castaña, pero este proxecto parece por agora moi difícil de levar a cabo.
Segundo explica o enxeñeiro de montes Roi Estévez, presidente da asociación veciñal, desde que o muíño foi restaurado fíxose algún experimento de moenda de castañas secas, pero o resultado non foi moi satisfactorio. «Nas probas que fixemos non se puido obter unha fariña de boa calidade, en parte porque talvez o muíño necesitaría outro tipo de peneira e algunha outra modificación técnica, pero tamén porque faría falta unha cantidade importante de materia prima que hoxe en día é moi difícil de conseguir», explica.
Por un lado, segundo Estévez, nos últimos anos a produción de castaña non está sendo moi abundante nos soutos da serra do Courel e non é fácil obtela en grandes cantidades. «Ademais, polo que temos experimentado, faría falta moita cantidade de castaña ben seca, o que aínda é máis difícil de encontrar porque non hai quen se dedique a producila na proporción que sería necesaria», agrega.
En vista das dificultades, de momento non está previsto dedicar o muíño de Vieiros a producir fariña de castaña, aínda que Estévez non descarta a posibilidade facelo se se desen as condicións adecuadas. «Pero por agora parece algo moi pouco probable», di. Utilizar o muíño para moer outro tipo de fariña -de trigo ou de centeo- tampouco está previsto porque se considera que non resultaría rendible.
Nesta situación, o muíño restaurado de Vieiros utilízase para facer demostracións de moenda de trigo ao estilo tradicional con pequenas cantidades de gran. Nalgúns casos estas exhibición son gratuítas. «O único uso lucrativo que ten actualmente o muíño é cando o facemos funcionar dentro dunhas rutas guiadas que organiza unha empresa de Vigo pola serra do Courel e que inclúen recreacións de actividades tradicionais», sinala Roi Estévez. Pero estas visitas -engade- case non se produciron durante este ano a causa da crise sanitaria.