Lemos: Non so de turismo vive Doade
A caída demográfica na nosa parroquia é unha preocupación constante para a comunidade de montes veciñais en man común de Doade é para o que está poñendo o seu gran de area na procura de incentivos que animen á xente a establecerse no rural ou cando menos evitar a marcha dos poucos que quedan. A sangría demográfica que sofren a case totalidade dos concellos da Ribeira Sacra é constante. No ano 2018 perdéronse 910 habitantes e no 2019 foron 670. Situación que conduce irremediablemente ó despoboamento total de non tomarse en serio a situación. De aí que a comunidade de montes veciñais veña colaborando co Concello de Sober en asegurar o abastecemento de auga a todas as aldeas da parroquia, facilitar o arrendamento de terras no monte a veciños emprendedores que estean dispostos a poñelas en valor con actividades agrogandeiras, arrendando máis de cincuenta hectáreas para pastizais, cereais e viñedo.
Neste momento hai contactos para que empresas de enerxías renovables instalen un horto solar nunha parcela de 21 hectáreas, a cambio do volcado sobrante da produción á rede. De non atopar colaboración, estudarase a viabilidade de que a propia comunidade execute o proxecto. O seu obxectivo é facilitar enerxía gratis os veciños da parroquia como un reclamo engadido para quen estea disposto a asentarse nela. Nun momento en que as enerxías renovables parecen valorarse como alternativa necesaria para a defensa do medioambiente e co obxectivo do Estado de acadar o 30% da produción no ano 2030, ven a posibilidade de facer realidade o proxecto. Entendemos que só con proxectos orientados directamente a mellorar as condicións de vida dos veciños se pode, non só frear o despoboamento senón tamén garantir o mantemento do medio e o seu aproveitamento como recurso turístico.
De pouco valen os grandes investimentos en monumentos turísticos se non queda quen abra as portas para velos ou quen manteña a paisaxe natural principal atractivo da zona.
Comentarios