Paisaxes e xentes da Ribeira Sacra no filme «Lúa vermella»

A nova película de Lois Patiño, que se estrea mañá en Monforte, foi gravada en parte en municipios do sur da provincia

Un momento da rodaxe dunha escena de «Lúa vermella» no adro da igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras
Un momento da rodaxe dunha escena de «Lúa vermella» no adro da igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras

monforte / la voz

Os multicines Hollywood de Monforte figuran entre as salas comerciais onde se estreará este venres a película Lúa vermella, do cineasta vigués Lois Patiño, que foi gravada en diferentes municipios do sur lucense e conta coa participación de veciños destes concellos que aparecen como actores e figurantes. O filme será presentado por Iván Patiño, responsable da produtora monfortina Amanita Films, que coproduce a película xunto coa firma coruñesa Zeitun Films. Para esta primeira xornada están previstas dúas proxeccións, que se ofrecerán ás 18.00 e ás 20.00 horas.

No acto de presentación, Iván Patiño estará acompañado por dúas das actrices principais do filme: Pilar Rodríguez, veciña de Monforte, e Ana Marra, veciña de Pantón. Ningunha delas tiña experiencia cinematográfica previa. «Buscamos precisamente persoas que fosen pouco coñecidas no cine e fixeron un labor extraordinario aínda que non traballaran antes neste medio», di o produtor.

Segundo explica o produtor, unha boa parte da rodaxe levouse a cabo na Costa da Morte, «que é como unha zona fetiche para Lois Patiño», pero numerosas escenas foron gravadas tamén en diversos municipios do lucense. O proceso de filmación comezou no 2017 e Amanita Films encargouse da produción no territorio do sur da provincia. «Practicamente non quedou un municipio da zona no que non se rodase algunha parte», sinala Patiño a este respecto.

Múltiples localizacións

En Monforte utilizáronse localizacións como o museo ferroviario, o edificio da antiga fábrica de cerámicas El Castelo, unha panadería do barrio de Carude e un bar do barrio dos Chaos onde no seu día tamén se gravou unha escena da longametraxe La sombra de la ley, do realizador monfortino Dani de la Torre. «Os primeiros en filmar neste sitio fomos nós, aínda que a película de Dani de la Torre apareceu moito antes», precisa Iván Patiño. Outras escenas de Lúa vermella foron gravadas na igrexa románica chantadina de Santa María de Pesqueiras, a Cova das Choias e a aldea de Parada dos Montes-ambas no municipio da Pobra do Brollón-, así como en determinados lugares dos municipios do Saviñao e Bóveda.

Iván Patiño apunta por outra parte que a estrea de Lúa vermella nas salas de cine sufriu un considerable retraso a causa da pandemia de coronavirus. O filme presentouse por primeira vez en público o pasado febreiro no Festival Internacional de Cinema de Berlín -fóra da competición- despois dun longo proceso de posprodución. «Moi pouco despois comezou a alarma sanitaria e pasamos cerca de catro meses sen poder distribuír a película», di o produtor. O pasado agosto o filme presentouse no Festival de Cine de Málaga, onde levou o premio á mellor película española da sección Zonazine.

Na actualidade, Lúa vermella xa pasou ou ten previsto pasar por diferentes festivais de cinema de Estados Unidos, Holanda, Francia, Portugal, México, China, Corea do Sur, Brasil, Colombia, Italia, Canadá, Serbia e Polonia. «A pesar das circunstancias tan adversas que se dan este ano, a película está a funcionar como un tiro», conclúe Iván Patiño.

Un territorio que xa apareceu con anterioridade na obra do realizador

Lúa vermella non é o primeiro filme de Lois Patiño rodado no sur lucense. No 2010, o cineasta gravou na fervenza de Vieiros -no municipio de Quiroga- e nalgunhas paraxes de Sober as escenas exteriores da curtametraxe Esliva, a súa primeira obra de ficción, que foi tamén a primeira película producida por Amanita Films. Con anterioridade, no 2008, o cineasta realizara un vídeo titulado Paisaxe interior. Día 1. Ribeira Sacra.

Por outro lado, desde os seus inicios, Amanita Films utiliza con frecuencia escenarios situados no sur da provincia para a rodaxe das películas que produce. É o caso das curtametraxes Un cobarde, Deil e Birthday -as dúas primeiras dirixidas por David Rodríguez e a segunda por Ana Lambarri-, que foron rodadas no seu momento en diferentes localizacións de Monforte e Sober.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Paisaxes e xentes da Ribeira Sacra no filme «Lúa vermella»