«No mundo do viño falta pedagoxía e hai demasiadas clases maxistrais»

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Bruno Lobelle, nunha imaxe de arquivo, na adega do restaurante A Faragulla
Bruno Lobelle, nunha imaxe de arquivo, na adega do restaurante A Faragulla ROI FERNANDEZ

Bruno Lobelle abre tenda en Chantada coa distribuidora Vinosacra

14 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de case nove anos dedicado á distribución, Bruno Lobelle abre tenda de viños en Chantada. «Hai moita cautela nas compras entre a hostalería, é algo comprensible. Mentres a situación non mellore, imos confiar en que xente beba na casa», comenta sorrindo. A tenda leva o nome da distribuidora, Vinosacra, e está situada na Rúa do Parque, cerca do antigo campo da feira. A Ribeira Sacra ten unha presenza destacada na oferta, pero hai etiquetas das procedencias máis variadas.

-Abrir un negocio nos tempos que corren é noticia.

-O da tenda é algo ó que lle levaba dando voltas desde hai tempo. Vinosacra ofrecía distribución presencial e venda por Internet, faltaba a tenda física para pechar o círculo. Pensei en Ourense, Lugo, Santiago... Pero no confinamento apareceu unha oportunidade en Chantada e decidinme. É un local que pechara e que dá xogo para unha tenda pequena, algo acolledor.

-Como está a afectar a situación sanitaria ás vendas no sector do viño?

-A situación nestes momentos é bastante complicada na hostalería. Despois do confinamento, houbo unha fase de consumo bastante potente. Coa nova normalidade, a xente volveu con gañas. Foi unha pena non poder abrir a tenda en agosto porque o verán foi bo para a distribución. A situación agora, cos peches e semipeches, é moi diferente. Haberá que agardar tempos mellores.

-Cambiaron tamén os hábitos de consumo coa crise sanitaria?

-A miña impresión é que cada vez teñen máis demanda as gamas medias e altas, en detrimento dos viños base ou de saída. Posiblemente teña que ver con que a xente sae menos e cando o fai gasta algo máis. Consume menos que antes, pero elixe viños asociados a unha maior calidade. Na casa tamén se beben viños mais especiais. Os tintos do ano o teñen máis complicado polas restricións ao chateo.

-Como esta enfocada a oferta da tenda?

-Enfocámola como o canal de venda que nos faltaba en Vinosacra, pero con máis cousas das que temos en distribución. Os viños da Ribeira Sacra ocuparán a metade da tenda e no resto haberá referencias galegas, peninsulares e internacionais.

-Farán actividades divulgativas para complementar a venda?

-Temos pensado organizar degustacións de viños especiais para que a xente poida coñecelos sen ter que mercar unha botella. Dese modo poderán probalos por un prezo módico e decidir si se axustan ás súas preferencias e posibilidades. No mundo do viño falta pedagoxía e hai demasiadas clases maxistrais. Nós imos ser concisos.