«Vivir da música clásica é moi difícil en Galicia, sobre todo para os novos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Aldara Otero formou parte da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia
Aldara Otero formou parte da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia CEDIDA

A violinista monfortina Aldara Otero acaba de ingresar na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago

01 oct 2020 . Actualizado a las 18:56 h.

A monfortina Aldara Otero Fernández, estudante de violín do Conservatorio Superior de Vigo, inicia hoxe un curso de especialización instrumental na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Os alumnos que logran ser admitidos neste curso -despois dun complexo proceso de selección- reciben formación por parte dos músicos titulares da Real Filharmonía de Galicia. Aldara Otero formou parte da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia e estudou tamén na academia de música e artes escénica da Universidade de Tilburg, en Holanda, dentro do programa Erasmus.

-Que supón para a súa formación o feito de ser admitida neste curso?

-É unha oportunidade moi importante, porque supón recibir formación nunha escola de alto rendemento e con músicos de gran nivel como os da Real Filharmonía. Facer estes cursos é algo que desexamos todos os alumnos do conservatorio.

-Canto tempo dura esta formación?

-En principio o curso dura un ano, pero existe a posibilidade de amplialo a dous. Despois de terminalo intentarei cursar un máster na Real Filharmonía, pero se non o consigo á primeira seguramente farei outro ano de especialización instrumental. Para min é un pouco complicado porque agora estou vivindo en Vigo e as clases deste curso impártense en Santiago, e tamén hai que asistir aos ensaios e actuacións dunha orquestra xuvenil que se forma cos novos alumnos. Pero o esforzo merece a pena, porque adquirir esta formación é importante para alguén que aspira a vivir profesionalmente da música clásica.

-Como está a situación en Galicia para os xoves músicos en canto ás saídas profesionais?

-Moi complicada, porque en Galicia non hai moitas orquestras e as prazas son polo tanto moi limitadas. Eu preferiría seguir vivindo e traballando aquí, pero probablemente terei que buscar saídas noutros sitios, porque en Galicia é moi difícil vivir da música clásica, sobre todo para os músicos novos. De todas maneiras, abrirse paso neste mundo é moi complicado en todas parte e sobre todo agora, coas restricións que hai pola pandemia e cunha actividade mínima nas salas de concertos e nos teatros.

-Na súa estadía en Holanda, notou moita diferenza na formación musical comparada coa que recibiu aquí?

-O sistema de formación en Holanda é moi diferente. Aquí é todo como máis estrito, mentres que alí están máis abertos ás propostas novas. E ademais os estudantes teñen máis contacto cos profesores e poden facer máis horas de clase por semana. En Holanda tamén hai máis orquestras e organízanse máis concertos, de modo que para os músicos novos hai máis oportunidades de conseguir traballo.

-Actuou algunha vez en Monforte?

-Estudei no conservatorio municipal pero non tiven moitas ocasións de actuar en público salvo nalgún acto organizado polo Concello. Non hai orquestras en Monforte nin en sitios cercanos. Hai bandas, pero sendo violinista non hai moitas posibilidades de integrarse nunha delas.