A lenta agonía da rúa do Cardeal


Oinevitable deterioro dos cascos antigos das cidades fíxose crítico a mediados do século pasado. Ao deixar de ser funcionais, inadecuados para as novas formas de vivir que esixen diferentes usos e costumes, se foron deshabitando. Os edificios de dúas ou tres plantas volvéronse incómodos para albergar familias que deben subir a pulso a compra semanal cando non hai ascensor. De tratarse de familias novas, hai que engadir un carriño de bebé, probablemente. De tratarse de persoas maiores, non é necesario explicar. De modo que os seus moradores acaban por desprazarse ás marxes das cidades onde a nova construción é máis económica que a rehabilitación.

É entón cando se vai observando que os cascos histórico-artísticos das cidades quedan abandonados, sen que ninguén se faga cargo do seu mantemento e conservación. Os usos dos edificios fanse moi limitados: oficinas, restauración e comercio. Daquela, é cando as administracións acordan tratar de conservar estas áreas que representan o verdadeiro ADN das cidades. Con ese motivo, e con fondos públicos de escasa contía, intentáronse conservar fachadas e pavimentos. Pero, ao non poder actuarse no interior das vivendas, os edificios vanse degradando cada vez máis ata que os conxuntos históricos acaban por se converter en parques temáticos, pezas de museo, mostras do patrimonio cultural da antiga cidade que contribúen a manter ao sector económico relacionado co turismo, pero sen vida nin contido funcional.

É Pontevedra, en Galicia, o modelo de cidade recuperada para uso e goce dos seus moradores. Eles son os encargados da súa conservación. Hai na monfortina rúa do Cardeal dúas cifras que indican de forma moi nítida o estado no que se encontra o noso casco: na zona peonil hai dezaoito edificios baleiros e só cinco son de residentes. E estes son os que se encargan de manter as súas fachadas para que, dese modo, comercios, bares e restaurantes podan aproveitar o atractivo da rúa de paseo e exercer as súas actividades económicas nun «centro histórico-artístico».

Sería interesante preguntarse que sería se estes veciños acordasen marchar e abandonar ás súas vivendas para converter a rúa en pasto de grafiteiros de letras espachurradas. Esta é a indefectible deriva da rúa do Cardeal Rodrigo de Castro. Pensen as autoridades que a estes veciños monfortinos non lles está permitido ser maiores. Porque de ter que saír un día nunha ambulancia esta non poderá recollelos na súa casa como ao resto dos cidadáns. E, se chove, terá que mollarse nunha padiola ata o cruce coa avenida de Galicia, no mellor dos casos e sempre que encontrara unha praza onde aparcar.

Se no século XXI non se constrúen vivendas sen calefacción, as da rúa do Cardeal non poden ter acceso a este servizo, nin a auga quente. Porque o distribuidor do combustible non ten permitida a entrada na rúa. Din os comerciantes de Santiago de Compostela, e con razón, que non todos os habitantes da cidade podemos «vender medalliñas». Nesta cidade Patrimonio da Humanidade, tódolos negocios e particulares poden abastecerse a diario, dado que existe un horario para carga de descarga. E o acceso é libre para todos os residentes sen restrición horaria. A Unesco entende que, doutro modo, o casco histórico non podería conservarse.

Que é o que Monforte ten que preservar que non lle permite conceder este acceso ao seu casco antigo? O vello Cardeal agoniza. E os servizos sanitarios non poden facerse cargo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A lenta agonía da rúa do Cardeal