«Temos que escoitar ao alumnado que demanda formación semipresencial»

VÍCTOR LÓPEZ / S.V. LUGO / LA VOZ

LEMOS

Carmen Silva dirixe o máster en Servizos Culturais da USC, que recibe solicitudes de todo o mundo
Carmen Silva dirixe o máster en Servizos Culturais da USC, que recibe solicitudes de todo o mundo CEDIDA

Carme Silva, directora do máster en Servizos Culturais que oferta en Lugo a USC, lembra que o prazo de inscricións aínda segue aberto

09 ago 2020 . Actualizado a las 17:38 h.

Cando semellaba que as artes e as humanidades estaban predestinadas ao máis infausto desenlace, sobre todo tendo en conta as pretensións das novas xeracións, que parecen sentirse máis atraídas polo espectro científico, aparece unha recua de solicitudes interesadas no máster en Servizos Culturais que oferta en Lugo a USC para demostrar que as letras aínda teñen unha imprecisa, e oxalá longa, vida por diante.

É o sexto ano que o campus lugués imparte este mestrado de forma semipresencial, algo que lles permite aos alumnos combinar os estudos co traballo, xa que moitos deles son graduados que levan anos curtíndose como profesionais no mundo laboral. O curso ten capacidade para 25 persoas e os prazos de preinscrición seguen abertos ata finais deste mes, malia que o número de solicitudes recibidas xa triplica o das cadeiras dispoñibles e hai interesados en países de todo o mundo, tal e como afirma a súa directora, Carme Silva.

-A convocatoria está sendo impresionante, aínda seguen a chegar solicitudes?

-De momento si, poden facerse ata finais de agosto na páxina web da USC. Polo de agora levamos recibidas case 70, entre as prazas que hai dentro do espazo nacional e as tres que se reservan para os estudantes internacionais. Está suscitando bastante interese entre a xente de México, Arxentina ou China, e iso é algo que, en plena pandemia, chama a atención.

-Só hai sitio para 25 persoas, cal é o criterio de selección?

-O baremo tomará como base os seus expedientes, as notas dos graos ou licenciaturas previos que eles mesmos acheguen. A partir do 5 de setembro sairá a listaxe cos primeiros admitidos.

-Que ofrece a programación do máster?

-Trátase de ver e analizar como está a xestión cultural na actualidade, tanto no sector público como no privado. Neste eido, hai un núcleo da materia máis teórico, que estuda dende a proxección ata o tratamento que debe recibir a lingua no mundo cultural. Logo hai dúas especialidades, entre as que podes escoller só unha ou combinar materias de ambas. Unha está máis orientada á xestión dos bens culturais e a outra á xestión do patrimonio lingüístico e literario. Ademais, hai créditos optativos para contidos de márketing ou novas tecnoloxías.

-Cal dirías que é a clave do voso éxito?

-Hai unha fracción do alumnado que demanda unha formación que non sexa integramente presencial. As universidades públicas temos que escoitar a esas persoas e ofrecerlles o que piden, porque se non o facemos, vanse á educación privada. Neste máster o máis importante é o traballo que se realiza de xeito virtual, hai moita xente que demanda unha formación semipresencial para poder compatibilizala con outros aspectos da súa vida e quizais esa sexa a clave.

-Os vosos alumnos axústanse a un perfil determinado?

-Levamos anos recibindo a titulados que son xa poboación activa no mundo laboral, por iso optan por este tipo de docencia.

-Foi doado implantar o modelo semipresencial?

-Afianzar este modelo custou moitas horas de negociacións, foi duro... Pero nun posgraduado, onde os estudantes xa teñen un grao de madurez maior e unha noción de responsabilidade, creo que é factible e formativo.

-Para cando un grao así?

-Está previsto ofertalo para o curso 2021-2022 nas dúas modalidades, presencial e semipresencial. Vai ser complicado, pero aspiramos a logralo.