«Preocupábame soster todo o persoal e, logo de manterse, duplicouse»

ánxela jorge vidal / f.a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Carlos González durante unha demostración culinaria en Vigo
Carlos González durante unha demostración culinaria en Vigo CEDIDA

O restaurante Merenzao celebra o seu quinto aniversario logo do parón

24 jul 2020 . Actualizado a las 20:07 h.

A hostalaría é un dos sectores máis impulsados nos meses estivais mais, a nova situación sanitaria fixo deste un ano totalmente anómalo para o ocio e o turismo. Pese a isto, Carlos González, xerente do restaurante Merenzao que celebra este ano o seu quinto aniversario, insiste en que os restauradores deben «xerar ilusión» e impulsar a actividade turística na nova normalidade.

-Como está sendo a volta á actividade do restaurante Merenzao?

-Empezamos o 20 de xuño e dende esas houbo un restablecemento notable das ganas da xente, tamén dos traballadores. A xente da cidade tiña ganas de escapar ao rural. Nós, ao estar en Sober, na Ribeira Sacra, temos a vantaxe de todo o que conleva, principalmento os aspectos da paisaxe e da natureza. A xente está afastándose do populoso e está a apreciar esta Galicia esquecida.

-Que tipo de actividades se están ofertando polo quinto aniversario do restaurante?

-Festexamos o quinto aniversario o 25 de xullo, difícil de esquecer por ser o Día de Galicia. Este ano non podemos facer un acto moi grande por sentido común e decidimos facer cinco actos cun aforo limitado de 25 persoas. Levamos feitos tres que enchemos ó completo e, nalgún caso, pechamos reservas quince días antes. Tivemos unha acollida brutal, estamos contentos polo ben que foi a volta ao traballo. Nos actos do 24 e do 25 e faremos dúas ceas con tres músicos locais. O 25 temos un dúo das músicas Sara Mendez e Ana Galloso. Unha das partes que máis me preocupaba era soster os postos de traballo anteriores ao covid-19. Non só os mantemos senón que duplicamos o persoal pese á perda de cinco meses de traballo.

-O confinamento afectou negativamente ao restaurante?

- Si, sobre todo nós que estamos nunha zona rural e que dependemos do turismo. As estratexias de transporte ou de delivery serían inverosímiles: os custes dispararíanse, non sería a mesma calidade e desvincularíamos o proxecto que facemos, vencellado á terra e a amosar a Galicia rural. Houbo cinco meses de baleiro que non se van recuperar, todos pensabamos en xaneiro de que este ía ser o mellor ano de traballo na Ribeira Sacra. Pese a que o pao foi gordo, defendo que os restauradores debemos xerar ilusión, por iso sempre estamos con actividades.

-Mudou moito o perfil do cliente do Merenzao?

-O público galego de lugares como Vigo ou A Coruña seguen a vir os fins de semana e ese é o público maioritario que temos ata agora. A partir do 15 de xullo o público de zonas de España está vindo. O que si que vemos dende a cociña é que vén xente máis nova e menos xente de idade madura.

-Agárdase manter a boa afluencia de clientes durante o ano?

-Este ano hai que pelexalo día a día, facemos planificación a curto prazo. Pensamos que agosto vai ser igual ou mellor que o ano pasado, se non hai rebrotes. Independentemente, o inverno para a hostelerería xa era duro e quizais este ano o sexa algo máis.