«O que me interesa é manter a esencia da nosa música tradicional»

ÁNXELA JORGE VIDAL / F.A. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Pablo Carpintero ofrece concertos e imparte obradoiros de música tradicional
Pablo Carpintero ofrece concertos e imparte obradoiros de música tradicional cedida

No souto de Lobios, en Sober, desenvolveus un obradoiro de instrumentos tradicionais con castiñeiro impartido por Pablo Carpintero

09 jul 2020 . Actualizado a las 20:06 h.

Pablo Carpintero é un músico e artesán galego cunha traxectoria de total entrega á recopilación, coidado e mantemento da música tradicional galega. O domingo pasado acudiu ao souto de Lobios, en Sober, para impartir un obradoiro de elaboración de instrumentos de castiñeiro. Carpintero ve nestas dinámicas unha forma de recuperar o valor das sonoridades tradicionais.

-De onde procede a súa fixación pola música tradicional galega?

-Dende que era neno xa me gustou tocar a gaita. O meu avó era médico pero tamén a sabía tocar. A gaita sempre estivo na casa.

-Que instrumentos ensinou a elaborar no curso que impartiu en Lobios o domingo pasado?

-Os intrumentos que fixemos eran de castiñeiro e son os mesmos que facían os nenos de antes. O que ensino nestes obradoiros son os sete tipos de instrumentos para facer con castiñeiro, que ademais proveñen de diferentes zonas de Galicia. Son todos construidos a partir duna póla e pódense facer oboes ou frautas, entre outros. Facendo unha tira pode elaborarse un instrumento que se chama toba.

-En que consisten os concertos didácticos que oferta?

-O concerto que máis damos eu e a miña muller é «Musica Evolución». Neste ensinamos 45 instrumentos diferentes e contamos a historia da música da humanidade usando os instrumentos galegos, posto que a nosa cultura tamén ten historia.

-Cal é a resposta que recibe da xente que participa nas actividades?

-Os concertos gústanlle a todo o mundo. Todos os anos o Minsterio de Cultura trae xente á nosa casa e tocamos para nenos de toda España. Aos rapaces e aos profesores, pese a non ser galegos, gústalles moito. Resúltalles sorprendente porque conta a historia da música e esta nunca foi ben retratada. Entre outras cousas, ten que ver co desenvolvemento cognitivo, coa lingua e cos xéneros masculino e feminino.

-Cal é o obxectivo principal que busca conseguir con todo o seu traballo?

-Principalmente que a xente volva a empregar os instrumentos antigos tal e como eran e coas súas sonoridades especiais. Os instrumentos antigos poden facer avanzar aos modernos. Hai pouco nós fixemos unha pandeireta afinable cun mecanismo oculto que modula a pel. O que máis me interesa é manter a esencia da nosa música tradicional.

-Ademais da música tradicional, pensa que existe algún outro produto cultural galego que debe ser potenciado?

-Penso que todos os produtos culturais galegos están descoidados, excepto a paisaxe que se aproveita para atraer ao turismo. Dende o idioma ata outras formas de ser do noso pobo están descoidadas cando son aproveitables, por exemplo a dieta atlántica pode chegar a ser tan boa ou mellor que a medirterránea. Hai un descoido xeralizado dos nosos bens polo autoodio.

-Ten en mente algún novo proxecto para o futuro?

-Teño varios libros por publicar e tamén me gustaría facer réplicas dos instrumentos de vento das cantigas, polo momento xa fixen tres. Tamén me gustaría continuar co traballo documental. Un dos proxectos nos que colaborei foi a recollida de 900 horas de gravacións de cantareiras e gaiteiros que agora ten o Museo do Pobo Galego, despois de doarllo.