«O consumo incentívase ofrecendo un servizo axeitado»

ánxela jorge vidal / c.c. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Antonio Rodríguez es un inquieto promotor de servicios turísticos
Antonio Rodríguez es un inquieto promotor de servicios turísticos ALBERTO LÓPEZ

A asociación Amigos da Cantina de Doade e o Wine Train prepáranse para a volta do turismo no verán

05 jul 2020 . Actualizado a las 23:22 h.

A rendibilidade das empresas turísticas no verán do desconfinamento segue a ser unha cuestión sen resolver. Antonio Rodríguez, voceiro da asociación Amigos da Cantina de Doade e impulsor do tren turístico do viño, aposta por unha boa xestión e do seguemento axeitado das medidas sanitarias.

-Cales son as perspectivas de mercado deste verán, tendo en conta a situación, para as actividades de turismo da asociación Amigos da Cantina e as demais nas que vostede está envolto?

-Dende hai 15 ou 20 días está chamando moita xente e xa están reservando. Non son as mesmas que outros anos, loxicamente, pero temos unha perspectiva boa. Temos a casa de turismo completa, no restaurante tamén hai moita xente chamando e sobre o tren turístico cremos que, en realidade, os seis últimos meses deste ano van ser bos.

-Como contempla as rutas de senderismo e os miradores despois de que nas fases de desescalada tivesen maior movemento?

-Creo que o movemento se vai manter e incluso irá in crescendo. A xente de cidade quere andar polos espazos naturais e penso que se vai manter, sempre e cando se manteña o benestar ambiental e os miradores, que tamén teñen que estar ben sinalizados. As rutas de senderismo, se están ben coidadas, aumentarán as súas visitas.

-Que medidas tomarán vostedes nas actividades turísticas para seguir as normas que dicta Sanidade?

-O que hai que facer é cumprir as normas. Hai moitas pero parece que xa se están clarificando. E hai que acatalas. O tren turístico xa foi adaptado, fixémoslle máis portas a cada vagón para que non se xunte moita xente nunha mesma. As medidas son as que hai que tomar: as distancias, os xeles, unha atención ao distanciamento e ás medidas. Non hai que inventar nada, o que hai que facer é cumprilo. Nun restaurante con terrazas é moito máis sinxelo, como é o noso caso.

-Xa se están a facer reservas?

-Xusto antes estaba cunha reserva da Coruña dunha familia de seis para esta fin de semana. Estes anos pasados había moito movemento, este ano non se pode dicir que moito pero non haberá problema para os meses de xullo, agosto e setembro e incluso outubro, polo corido da Ribeira Sacra.

-Nesta situación, como se busca incentivar o consumo?

-Hai pequenas ofertas pero creo que o consumo incentívase ofrecéndolle á xente un servizo axeitado e baseado na limpeza, na hixiene, no distanciamento, na improbabilidade dos contaxios e mostrando todo o que temos.

-Como deberían facer as empresas de turismo para adaptarse á situación e ser rendibles?

-Cada empresa e sector ten que ir superando esta situación en función das súas peculiaridades. Calquera empresa ten que buscar saír a flote e iso trátase de traballar con enxeño, esforzo, metodoloxía, obxectivos claros e ganas de superarse.